A Terra, a Lúa, o Sol, as Perseidas e aqueloutros misterios siderais conxúganse en Agosto e iso celebrase coas tradicións, as que dalgún xeito e a pesar de todo aínda perduran. O corpo celeste da Terra, ten como seu único e inseparable satélite, un anaco que foi parte súa, a Lúa. Rousándose ruborosa ou pálida, sincronizada, ocultando unha das dúas caras entre velos de estrelas... a marcar o ritmo do calendario, das labores do agro. Por algo insignia en caparuchos de magos, en bandeiras... Lorquiana, lugrisiana, merliniana lúa, vixiante na noite e a mudar de forma no seu devalar:lúa chea ou plenilunio, lúa crecente, lúa minguante ou no devalo, lúa novoa ou novilunio... e a lúa vella, no inicio do cuarto minguante.Ritmo mensual, de 29 a 31 días, pouco aprendido a pesar de que nos rexe impecable e implacable dende arriba, a muiñar filosofías, fantasías, relixións, a inspirar. Pero tamén entre xeometrías, aritméticas, astrolabios e telescopios de astrónomos, a medir revolucións ou libracións, distancias onde o espazo e o tempo se conxugan en eternidade, que é como dicilo Todo e Nada. Todo e Nada quizais signifiquen o mesmo ó fin e ó cabo.

A fosforescente Lúa terá o seu día, o Luns, e tamén o seu mes, Agosto. Tempo no que Selene se agranda, se ruboriza, aparece e desaparece. - si na antigüidade Xullo estaba dedicado á Xulio Cesar, o augústeo mes de Agosto estará dedicado a Octavio Augusto. - velaí sempre os emperadores nimbándose de astros, deuses e a controlar os días dos demais. Agosto é para estar a gusto, no lecer, unha regalía a celebrar, e que nos empeñamos en banalizar con bronceador. Tempo no que traballa o Ceo, namentres ós de abaixo se nos concede acougo nas labores do campo, as que dan de comer, vida entón. Mes bisagra que semella instituído para coller vacacións, folgos e forzas, denantes de comezar o novo ciclo que supón limpeza das agras, a roza, as borrelas a fumegar, preparar o campo para unha nova sementeira. Nese acontecer nace o ritmo do cultivo e a cultura, un xeito de comportamento que implica tradicións, creacións e relacións, idioma por medio para entenderse . Máxica Lúa de Agosto que incide algo máis en todo, na climatoloxía, na fecundación, no florecer nove meses despois, en Abril, nos partos, nas agras, nas mareas, arrastrando algas e cunchas... Sábeno ben os romeiros que guiados pola forza do espírito da tradición, o último fin de semana deste mes, converxen na Ermida de Nosa Señora Lanzada, onde as mozas infecundas reciben o baño anovador das nove ondas e a beizón da Lúa maior de Agosto. Lúa que prende nos poetas, nos aluados, nos artistas, pra a súa silueta crear estampa tras un dolmen, sobre un castro, un castelo, aureolando ruínas ou ó lobo que ouvea, namorada do touro, sobre o mar e a competir co faro e cunha parella de namorados ó fondo... Por algo "La luna es un fenómeno cultural" dicía Benedetti e neso estamos aquí. Tempo pra reparar en cousas ou mellor filosofías como as que escribía o poeta chapateco Jaime Sabines, guiado polo luar dos maias lacandóns: pra tomar a Lúa a culleradas, ou en casulas, como sedante, como oblea para comulgar... pra levar un anaquiño dela no peto, como amuleto ou servida na sobremesa, sobre un prato, con nata... Lúa pra pendurar dun fío e acompañar ós que teñen insomnio, pra usar como axóuxere pros cativos, como colirio de gotas de esperanza pros anciáns, buraco de neón polo que deixar fuxir confidencias. Así é que un frasquiño, unha folla de Lúa debaixo da almofada non ven mal, pra soñar e pra o amor, que é o que falta "Para los condenados a muerte/ y para los condenados a vida no hay mejor estimulante que la luna/ en dosis precisas y controladas" e neso seguimos.

No extremo occidente atlántico, o primeiro luns de Agosto é celebrado, especialmente polos irlandeses, en honra dun deus inconcreto, de luz luar, que pousa en todo e na nada, que xa é dicir, Lugh. Divindade inconcreta, recuperada polos celtistas, posta en relación con tantos topónimos e mesmo co de Lugo. Deus do bosque, celebrado na cima dos montes, arredor das fontes e baixo as carballeiras...e velaí por estes días que o espírito de Agosto leva ós encontros de gaita, acordeón e violín que desembocan en masivos festivais. Asociacións culturais de por aquí e de por acola encóntrase no camiños para a revitalización de divindades e da festa como recurso. Na Bretoña mindoniense, sabedora da súa Historia, celtifícanse aínda máis os experimentos, xa o levan nos xenes. Entre os que aparecen novos ritos e novos mitos globais que, pola contra, sepultan ancestrais particularidades que non sabemos poñer a salvo. Entre esas o Sol e a Lúa, nun acontecer ignoto, eterno,inconmensurable, circulan polo Ceo a cada intre, sen máis asombro que o devandito dos aluados ou o que poidan catar e predicir nos prognósticos despois do telediario.

Tempo de Agosto no que o Ceo chora estrelas, caen refulxentes as Perseidas, pídense desexos. Fenómeno cristianizado como as bagoas que derramou San Lorenzo ó ser queimado na grella sobre a fogueira terreal . Acontecer entre o que imos aprendendo e marcando no almanaque o significado da Lúa. Sabe -ou sabía antes- o paisano que a Lúa de finais de Agosto é especial e velaí tantas celebracións cristianizadas en lugares emblemáticos. Noites máxicas, de espirais e cipreses, como as que pintou Van Gogh na Provenza. Fenómeno de antigo interpretado na Terra por petróglifos de espirais e labirintos, en monumentos megalíticos, a xogar con esa luz tenue que entra nas cámaras da morte... Labirintos, misterios polos que furamos guiados pola tecedora Ariadna, a deusa luar cretense, a que abre camiños nos enigmas da noite... calendarios labrados sobre altares do pasado, preparando vésperas para a celebración maior, a dedicada o oito de setembro á Virxe, Stela Matutina, a Santa María das cantigas, a venerada nos templos do Císter que tanto contribuíron á humanización dos nosos confíns.

"Lúna de Agosto, madre y señora del vino", que xa é dicir. Cando os días devecen, a noite medra, o calor remite e o frío xa se sinte... momento ideal pra preparase pro inverno: reparar os tellados, pintar fachadas, sen esa forza do calor ou da humidade que todo alteran.