Sabedores das cuestións identitarias, do ADN suevo, os modernistas mozos composteláns dos anos vinte remontáronse ó pasado e crearon Suevia, revista semanal de Literatura y Arte. Dos mesmos anos era unha pequena sala de cine, tras a Colexia de Santa María da Coruña, onde hoxe abre o espazo de cultura Portas Ártabras, chamada tamén Suevia. Polos anos corenta o luintrés do negocio do espectáculo, Cesáreo González, deulle o nome de Suevia Films a súa produtora. Até mesmo unha casa de lenocinio no ourensán barrio da esmorga era coñecida do mesmo xeito... unha pastelería, unha imprenta, unha librería, o nome dunha moza.... - pola xeografía o apelido e algúns topónimos de Suevos... Pese ó que se memorizaba era a lista dos trinta e tres reis godos hispanos. A toponimia xermánica tan abundante na Galiza, especialmente antropónimos, non quere dicir que sexa unicamente suévica, poden ser posteriores, da reconquista e do repoboamento.

Os suevos eran batallóns de xermánicos furibundos que, polo 390, á morte do emperador Teodosio, que se dicía oriúndo da Gallaecia, e cando tantas cousas se fenden, xuntos cos godos, vándalos e alanos, alíanse cos romanos, atravesan os "limes" do Rin, do "Mare Suebicum", como os romanos chamaban ó Báltico, para abrir un capítulo aínda bretemoso no labirinto histórico dos primeiros señores da Terra. Pese a ser tempo no que tantas cousas se configuran para a Historia de Galiza: a aculturación pola mestura de etnias, a galaico-romana e a suévica-xermana, sumando migracións bretonas, como a de Maeloc, establecida na area de Bretoña e Mondoñedo. Momento no que tocan a fin os castros e tantos sistemas de explotación, de escravos, de mercenarios, para xurdir outros, o feudalismo e a construír imperios alleos. Aparición dunha dinastía, de fidalgos e vasallos, co correspondente reparto do territorio, á vista no Parrochiale Suevum, do tempo de Teodomiro, o século VI, coas súas trece dioceses, con sede en Lugo, Astorga, Ourense, Iria, Britonia, Tui, Braga, Porto, Viseu, Coimbra, Lamego, Dume, Exitania (Idanha Vella), entre unha marea herética, arriarismo por medio, bagaudas, priscilianistas e un cristianismo de herdos orientais, zoroastristas.

As crónicas do xerarca galaicorromano Idacio ofrécennos con rancor e dun xeito apocalíptico noticias directas dun acontecer sufrido en carne propia. A mesma figura deste "bispo Limicorum" responde á mentalidade dun paleocristián formando nos mesmos camiños andados, décadas atrás, por Exeria: viaxeiro a Terra Santa, coñecedor de San Xerome de Belén, e como Prisciliano, que o fixo máis público, figura pegada á maxia, a supersticións, ó agoiro dos deuses a través dos fenómenos meteorolóxicos, eclipses, tremores.... Tempo de encrucillada, de disputas teolóxicas, políticas, coa conseguinte consolidación de dominios. Datos contrastados cos ofrecidos por ese outro galaico, tamén viaxeiro a Oriente, Paulo Orosio, coñecedor de Agostiño de Hipona, quen, como Avito de Braga, proban relacións a través de consolidadas rutas de navegación. Sumando a Historia Sueborum de Isidoro de Sevilla, as noticias de Gregorio de Tours sobre a cristianización dos suevos arrianos, quizais confundido noticias entre os dous Martiños, ambos do territorio romano da Panonia: o de Tours e a misión do de Dume na Gallaecia, tamén formado no monacato de Oriente, espallando a misión e as reliquias do seu paisano e tocallo.

Arriscouse a abrir camiños no lamazal destas lagoas históricas Casimiro Torres, coa súa Galicia Sueva, publicada pola Fundación Barrié (1977). Meritoria, tanto polo que aporta como polo que provoca. Á que axiña contestou o malogrado e imprescindible arqueólogo minhoto Carlos Alberto Ferreira de Almeida, na revista Gallaecia n.- 5, o que cualifica como "acontecemento relevante... estudo pra acordar ou discordar...". Botando en menos que o autor non afondase en Idacio, ou en Martiño de Dume, en Mirón ou en Orosio, como xa tiña prometido. Dedicándose a recoller, sen contrastar, aportes doutros historiadores, como Francisco J. Velozo, Silva Pinto ou Chamoso Lamas, que pola bracarense ou por aquí, seguiron o iniciado polo padre Florez ou Marcelo Macías. Tema relacionado coa orixe e os misterios de Compostela. Quedando por determinar cuestións políticas, como o foedus, si estaban federados como os visigodos co emperador Honorio.... Torres fala do abandono dos castros e de crecemento demográfico, pese ó que afirma a Crónica de Idacio e a arqueoloxía. Época de crise, de guerras e de peste, onde mesmo se practicou a antropofaxía como conta Idacio... Compre seguir a contrastar con outros estudos da cuestión visigótica, como os de J. Orlandis. Ferreira, a través dos datos de Idacio, entende que as etnias galaico romanas e suevas manteríanse apartadas boa parte do século V, "con signos e padroes diferentes" na política e na relixión. Confírmase que os suevos manteñen guarnicións no campo, namentres que os galaicorromanos habitan as urbes e os castros máis fortes, con momentos de "concerto e desconcerto", de tratados e "clientela" en misións depredatorias do exército. Idacio refírese á prisión polos suevos dalgúns "honestiores" galaicorromanos coas conseguintes algarabías.

Máis novos traballos, como os de Bernárdez Vilas O comezo da nosa idade Medía: a Gallaecia que se emancipou de Roma (2002), os de Javier Arce Barbaros y romanos en Hispania (2005) seguen nas mesmas pescudas, os aportes das novas escavacións arqueolóxicas en Dume, entre os asuntos pendentes de revisión, os achados de Tins, de Moraime, os estudos de Historia da Arte, onde todo pode confundirse co visigodo, os epígrafes, a orixe das laudes de estola prerrománicas que confundiron a Chamoso Lamas....Felicitamos a valiosa síntese didáctica do medievalista Anselmo López Carrera na Historia de Galicia (2013).

No 406 o exército suevo de Hermérico penetra no imperio romano de occidente, nas Galias, e que polo 412 aséntase nunha decadente Gallaecia. Será a partir do rei Requila cando se afirma a independencia de Roma, quen, xunto co seu sucesor Requiario iniciará o apoxeo, acuñando moeda propia en Braga, expansión pola diplomacia, os matrimonios, a relixión e sobre todo pola guerra fronte ó exército hispanorromano e os visigodos, conquistando Mérida, a Bética, asasinando a federados na tarraconense, destruíndo lugares de culto dos galaicorromanos... e o contraataque, as derrotas dos suevos no Órbigo. No 456 os visigodos ocupan e destrúen Braga e Requiario preso e morto. Ábrese á guerra civil, entrando os suevos en Lugo nas celebracións da Pascua do 460, asasinan ós reitores, provocando a intervención imperial de Maioriano. Entón aparecen dúas faccións enfrontadas: unha na Galiza bracarense, mandada por Agiulfo, Frantano e Requimondo e outra na lucense, con Maldrás e Frumario. Requimondo domina Lugo e restablece a unidade, destrúen Ourense, prenden a Idacio en Chaves, castigan a Conímbriga, até que pactan cos visigodos na ansia de dominio peninsular. Alíanse cos bizantinos e os francos. Martiño de Dume ten que ver co fin deste reino, a mediados do século VI, polos milagres que se lle atribúen e polas súas pastorais converte a Teodomiro ó cristianismo, aproveita a anterior organización parroquial, co conseguinte éxito. Sucede Mirón que convocará en Braga un II Concilio, despois o visigodo Leovixildo faise cargo de Galicia. Novamente Roma e o cristianismo cobren Galicia, sendo a parte bracarense a primeira área europea que non puido co pulo pagán, mantendo o nome dos días da sema de orixe cristiá: segunda feira, terceira feira, etc.