Hai moi poucos días, un bo amigo, fíxome chegar un libro que para a miña sorpresa se desmarca doutros que sobre o mesmo tema coñecemos. O seu título, O manuscrito apócrifo de Elviña, reclamou a miña curiosidade por aparecer, precisamente, en datas posteriores á conmemoración da célebre Batalla de Elviña, cuxos actos están celebrándose na nosa cidade. É lamentable que non teña sido presentado con anterioridade, coincidindo cos eventos recordados, pois estou seguro que terá de chamar a atención de todo curioso lector, en canto chegue ás librerías. Nunca é tarde.... Xa que vimos celebrando o CCV aniversario desta célebre batalla, aínda que máis alá das nosas fronteiras sexa coñecida como Batalla da Coruña. Con motivo desta efemérides, á marxe dos actos que se están celebrando. Dentro duns días, presentarase na nosa cidade, El manuscrito apócrifo de Elviña do que é autor José-Domingo Vales Vía, un coruñés, que se ben está afincado no corazón autonómico de Castilla-La Mancha, nunca renunciou ó seu espírito galego.

Segundo confesa, desde finais do ano 2008 permanecía esta obra no recanto do esquecemento, escrita co propósito de lembrar e celebrar o bicentenario da devandita batalla, mais diversas circunstancias obstaculizaron a súa edición, ata aquí, que sae á luz patrocinada polo Colexio Obradoiro da Coruña.

O autor, militar retirado, con estudos de Maxisterio e Filosofía e Letras, é diplomado en Heráldica e Vexiloloxía, tendo deseñado diversos brasóns e bandeiras municipais da Comunidade Castelá-manchega. Colabora en numerosas publicacións especializadas como o amosan os seus traballos relacionados coa temática citada e outras de carácter histórico afíns á terra que o veu nacer, moitos deles publicados no Anuario Brigantino, cuxa cidade dos Cabaleiros foi berce dos seus proxenitores.

Galardoado con diferentes premios de ámbito nacional, sobresaíndo, entre outros varios, a Flor Natural nos Xogos Florais organizados polas entidades coruñesas Hogueras de San Juan e Caballeros de María Pita. Asimesmo, é autor de varios libros „Enrique García Asensio, Biografía Incompleta; No colo da noite estrelecida e os nosos símbolos (Estudo e creación do escudo e bandeira de Valmojado, na provincia de Toledo)„ completando un longo currículum que avala a súa traxectoria. Igualmente, recompilou e ten coordinado a obra literaria de seu pai, Francisco Vales Villamarín, secretario que foi da Real Academia Galega, durante máis de trinta anos, e cronista oficial de Betanzos.

Verbo do libro que se presentará agora na nosa cidade, cáusannos certa sorpresa por se tratar dun estudo nada semellante ós que sobre a mesma temática, como dixen antes, foron divulgados ata o momento. "Non é unha obra na que se tente describir características dos exércitos contendentes. É unha obxectiva apreciación de feitos nos que participaron eses exércitos que, sen miramento algún, desencadearon graves humillacións e danos ós silandeiros habitantes dun lugar que ata ese momento, ninguén sabía da súa pacífica existencia", explica o autor na contracuberta.

Efectivamente, en ningún momento se analizan as accións dos antagonistas, nin se reflicte dato algún de tipo estatístico que reitere unha aportación de testemuños difundidas con anterioridade. É algo distinto, peculiar, segundo se desprende da súa lectura, compracente e amena. Este foi o propósito do autor, desligándose das formas histórico gráficas, no sentido convencional da palabra. A proba queda consolidada ó nos proporcionar outros curiosos aspectos, quizais, nada específicos e tácticos, pero máis humanos e menos coñecidos, pasando por alto o esencial de aquel calamitoso camiño dese período. Non obstante, aínda tratándose dunha ficción, „como ben reflicte o título„, non deixa de aportar referencias documentais que fan máis cribles e comprensibles os sucesos detallados nun manuscrito „case a diario„ realizado, supostamente, polo sancristán da parroquia de San Vicente de Elviña, a partir da morte da súa irmá, Juana de San Pedro. Un falecemento, como moitos outros, ocorrido a consecuencia das feridas producidas por unha pedra que lle caeu enriba dela, poucos intres despois da explosión dos almacéns de pólvora de Peñasquelo; ambos feitos, reais e contrastados, por suposto.

As súas reflexións „as do sancristán retratado„, naceron nun marco de obxectividade e rigorosidade, ante a incompresión de aquela inconcibible batalla, revolvéndose compulsivamente, non só contra os franceses, senón tamén contra os propios británicos que, como aqueles, devastaron terras e colleitas, chegando a crear situacións de verdadeiro perigo, mentres pretendían salvar a súa integridade, emprendendo unha vergoñenta retirada. (Remataremos a segunda parte o vindeiro mércores día 5 de febreiro).