Houbo un tempo no que en ningunha casa galega faltaba a imaxe do San Antoniño, co neno no colo e a azucena da pureza na man. Escultura sobre o aparador, na mesiña de noite ou como unha estampiña cravada na parede do cuarto. Esa difusión débese a que boa parte da Historia de Galiza está tamén cosida coa dos franciscanos. E velaí que o San Antoniño actuará entre nós e Deus como un caciquiño eficaz e milagreiro, a auxiliar ás almiñas do Purgatorio, dando mozo ás solteironas, coa súa capela propia e propagandizado polo seu repetido responso "si buscas milagres mira", así como na teimuda secuencia dos martes e a consabida esmoliña. En poucas parroquias falta o seu altar, o seu concorrido peto, do "Pan dos probes" a "Esmola para San Antonio", a liturxia da súa novena e mesmo a celebración da súa festa cada 13 de Xuño, con procesión e puxa de lacóns. Agora mudaron as cousas, mandan os mitos e os ritos do consumo que furan como intrusos no corazón da casa a través do plasma. Por aquí queremos ó San Antoniño de Padúa, e dicímolo así, como si fora máis que parente, trátase de tú e velaí a súa imaxe, mesmo na Igrexa da Angustia do Cacabelos do Bierzo, representada xogando á brisca co Neno Xesús e entregándolle un As de Ouros. Santo de hábito e tonsura, labrado nos petos de ánimas, no varal dos cruceiros, ensinando que a vida é como o camiño do Calvario que remata coa esperanza dunha Pascua Florida. E velaí o seu nome espallado por toda a xeografía, os "toños", a competir cos "pepes" e agora cos Jonatham, os Kevin e outros produtos holliwodianos.

Franciscanismo tinxido con algo dese panteísmo herdado das tradicións priscilianistas, de atopar a Deus nun mesmo, no camiño e en canto nos arrodea entre o cabo do principio e o do fin, por algo prendeu e ben en Galiza e non temos máis que furar na historia do convento franciscano de Compostela, escola para misioneiros en Marrocos e Terra Santa, e no convento e seminario franciscano de Herbón, nas ribeiras do Ulla, saber dos frades e beatos que se repartiron de oriente a occidente. Así é que xa no 1217, cando en Asís ten lugar o primeiro Capítulo Xeral da orde, entre as 11 primeiras provincias está a "de España, de Santiago ou de Portugal", no 1232 xa aparecen a división entre Aragón, Castela e Santiago. A provincia de Santiago incluía Galicia e Portugal, Asturias, Estremadura, León, Zamora, Salamanca e parte de Valladolid. Con oito custodias, tómese nota, para conformar o mapa franciscano de Galiza: Santiago, Ourense, León, Zamora, Salamanca, Coimbra, Lisboa e Evora.

Pese ó seu lema de "paz e ben" , o emblema de mans cruzadas e o exemplo dos seus santos fundadores, os franciscanos serán arrastrados á misións de conquista, como preceptores de príncipes, en embaixadas, pactos, con bispos estratexicamente repartidos, especialmente a partir da derrota dos casteláns polos portugueses en Aljubarrota no 1385, tempo este no que tamén a orde sufre o cisma, no que os portugueses apoiaron ó Papa de Roma, e León e Galiza ó do Avignón provenzal.

A misión franciscana en Galiza iníciase coa peregrinación a Compostela do mesmo santo de Asís, do que agora se celebra en Galiza o seu VIII centenario (1214-2014), para atoparse coa axuda do carboeiro Cotolai, subir e baixar polo Val de Deus e polo Val do Inferno ó monte Pedroso a erguer os primeiros cruceiros dun Vía Crucis. Misión continuada e ampliada por figuras saídas desta mesma Terra. E como moitas veces e coma si dun faro se tratara, acudiremos ós textos de don Xosé Filgueira Valverde, que nesa ansia de dignificar a nosa identidade, tamén se parou na biografía e na "galeguidade de San Antonio" para contarnos entón que o pai de Antonio era Martim Bulhoes, natural do bispado de Tui, leal servidor do conde de Lemos ó que acompañou nas campañas de Lisboa do 1147, e a súa nai foi Tereixa de Taveira. O polígrafo pontevedrés remítenos ós datos do padre Atanasio López, preocupado polo culto a San Antonio en Galiza, ó historiador lugués Pallarés e mesmo a Xosé Pardiñas Villalobos, autor do Breve compendio de Varones Ilustres, a catálogos de Santos, os Flos Sactorum que inspiran fábulas de vida e milagres para contar no tempo das lareiras e das novenas. Don Antonio Fraguas e Xesús Ferro Ruibal abondaron no tema e Filgueira insiste en que compre máis investigación sobre as raiceiras do popular San Antonio.

O certo é que Lisboa, berce do Santo, celébrao como ninguén, ten o seu itinerario polas costanelas que soben á Alfama e á Se, ó pe da que tiña casa natal, derruída polo gran terremoto de 1755.Celebrado en todo Portugal con festa de ranchos folclóricos, sardiñada maior, cachelos e viño. Nese mesmo 13 de xuño tamén Galiza ferve en festas.

Pero é Padua a capital que se centra no Santo, fermosa cidade do Véneto, atravesada polos ríos Bachiglione e con ribeiras cara ó Brenta ó que miran as célebres mansións palladianas, urbe medieval, dando cimo ó clasicismo nas súas sorprendentes piazas, loggias e palazzos, con acolledores pendellos, pero unha gran descoñecida, precisamente por mor das reliquias de San Antonio, xa que todos, como autómatas, encamíñanse cara á basílica, a venerar a reliquia da súa lingua, o seu humilde saial e bornal... e mesmo deixan por saber e coñecer que na basílica de Santa Giusttina, entre moitas outras reliquias de santos, está a tumba do evanxelista S. Lucas; a magnífica igrexa románica e gótica dos Eremitani con murais de Mantegna; a Catedral... ou que Giotto ten a súa obra antolóxica na Capela do Scrovegni; como a famosa aula ou teatro de anatomía da universidade no "palazzo del Bo" ou o xardín botánico da Universidade... que Padua foi lugar de traballo do sabio Galileo, dos artistas Donatello, Tiziano... e no centro a decimonónica cafetaría Pedrocci, entre decoración de escaiolas, ouros, lámpadas de Murano e selectos clientes, poetas, sabios, laureados militares, resumo de Italia, na que ambientar unha película de Visconti....

A vida de San Antonio, inicialmente co nome propio Fernando Martim de Bulhoes e Taveira Azevedo, cobre a metade do século XIII, algo máis novo que o Santo de Asís. Con formación inicial no gran convento lisboeta de San Vicente de Fora, para logo continuar da man dos agostiños da Santa Cruz de Coimbra, panteón real de Alfonso Henríquez, cidade tan en relación con Galiza polos encontros cos descendentes do rei galaicoleonés Alfonso VI, tamén a través da Raíña Santa Isabel, muller de Dinís e peregrina a Compostela. Polo 1220 ingresa como franciscano e toma o nome de Antonio en honra do San Antón Abade, o santo padroeiro dos porquiño e dos animaliños, tampouco podía ser doutro xeito nesta terra onde boa parte dos santos se acompañan con canto da natureza. Enfermizo vaise a Asís e coñece a Francisco, ó que sigue sacrificado, sendo predicador de éxito, escollendo a natureza aberta para sermóns nos que ataca os vizos prendidos na sociedade. Viaxa pola Romaña e pola Provenza tratando de convencer coa palabra ós herexes cátaros. Morre ós 36 anos en Arazella, camiño de Padua, axiña e como ningún outro beato, a menos de transcorrido un ano é canonizado e no 1946 proclamado por Pío XII "Doutor Evanxélico". Soubo ben Galiza escoller entre os santos da súa devoción popular a un de paz, palabra e natureza.