Unha artista italiana, Cristina Guggeri, vén de facer un traballo sobre grandes líderes mundiais que titula The Daily Duty (O deber diario). O título é tan exacto como irónico, porque ese deber cotián no que Cristina retrata á crema da sociedade terráquea non é gobernar o mundo, ás súas xentes, a súa economía e as súas almas, senón a cita que todos temos, dependendo da regularidade intestinal, co váter. Así que saen, desde Obama ao Papa, do Dalai Lama a Angela Merkel, de Elisabeth II a BenjaminNetanyahu, nuns servicios de luxo, cos pantalóns e saias baixados e as túnicas arremangadas, nesa postura na que sen dúbida están máis ou menos frecuentemente. As montaxes de Photoshop que fai Guggieri son tal cal, e mesmo a roupa interior que se percibe é a que lles cadra. Non sei o mérito artístico que ten, intúo que non moito, e a intención non é satirizar a quen manda en nós, senón -posto que as imaxes son inventadas- humanizalos, en todo caso cun chisco de ironía.

Pois os comentarios que suscitou na publicación dixital na que as vin non facían esa lectura. Dos dez primeiros, oito ían desde o que reclamaba que estivese algún musulmán -"un jomeini (sic) por ejemplo"- ata o clásico "¿y esto es arte?", pasando polo que lle pedía á publicación que os retirase por bastos e groseiros. Outros dous facíanlle á artista esa vella suxestión de por que non retrataba á súa familia. Ao pai e á nai un que a consideraba unha morbosa coa mente sucia, mentres outro non lle daba a escoller e cominábaa a poñer "a su madre en pelotas", á vez que consideraba "una panda de subnormales" aos que lle divertían estas cousas. Soamente dous estaban a favor. Un era un cristián, porque lle daba grazas á Providencia por ter a xente tan creativa, e outro un que se preguntaba porque aos demais lle molestaban os retratos, nin que fosen parentes dos retratados. E non é que os exaltados son sempre os que antes se poñen a comentar: as opinións en contra estaban cheas de votos positivos, e as a favor, de negativos. Esta é a sociedade que se indignou co de Charlie Hebdo. Imaxino que, obviamente, o que está é en contra de que se mate á xente, pero tamén de que todo ten un límite, e está diante dos nosos fociños. Simplemente, non se debe facer/dicir o que moleste a alguén.

Por exemplo, Marcos Ferreiro, un señor que non soamente ten a deferencia de lerme senón de opinar sobre o lido, comenta nunha carta ao xornal se a liberdade de expresión inclúe a de ofender, e pregúntase se me sumo a eses que "aprovechan estos días la coyuntura para clamar contra la, a su juicio [ao meu], irracionalidad de las religiones". A compatibilidade entre razón e fe é algo moi complicado para debatelo aquí, pero en canto ao outro, teño claro que a liberdade de expresión non ampara todo, pero si ampara as ofensas, xustas ou inxustas. Os demais non soamente son libres de dicir unicamente o que nos parece ben, ou tanto nos ten. Tamén o que nos amola. Pero a vantaxe das opinións libres é que tamén retratan a quen as expresa.