Tarde, sempre chegamos tarde. Hai semanas que dixen que Monedero era un problema, non para Podemos, que era un problema para todos aqueles que non queren ter nin unha sombra de dúbida sobre os aspirantes a administradores dos nosos cartos. Tanto ten que sexa un verso díscolo ou intelectual que precisa voar, había dúbidas arredor da súa honradez, e o tema debeu solucionarse antes. Cesalo ou que se marchase el, pero antes. Sempre chegamos tarde. Gallardón foi un ministro problemático para os intereses da cidadanía. Moitos españois decidiron non denunciar os seus casos diante da xustiza porque era carísimo. Converteu a xustiza nunha cuestión de clase, deixou de ser igual para todos, e por riba se cargou a Xustiza Universal. Pero non foi cesado. Se lle permitiron os seus desatinos ata que xa non foi posible ocultar máis o fracaso da súa xestión no Ministerio, pero o mal xa estaba feito, outra vez, como sempre, chegamos tarde. E así, con tantos outros. Esta semana Catalá, o sucesor de Alberto, quixo poñer en pé un plan para multar a aqueles medios de comunicación que publicasen sumarios. Vaia, que aquí se trata de matar ao mensaxeiro, pero Catalá segue aí. E é menos malo que Gallardón. Decátanse de que non se trata só de ideoloxía? Son malvados, si, perversos, e torpes. E o país chega sempre tarde, porque está en mans dun batallón de gobernantes e de opositores malvados, perversos e torpes. Agradezo profundamente que moitos e moitas políticas e políticos honrados dediquen o seu tempo á gobernanza do público, que entreguen a súa vida en beneficio dos demais. Pero esixo, a estes que son así, que sinalen, expulsen, se afasten desta outra calaña que estou a describir. Ou poñen unha enorme distancia entre eles e os corruptos e inútiles ou, inevitablemente, a cidadanía, acertada ou desacertadamente, veraos como tal. Tarde, sempre chegamos tarde. Hai que aprender a dimitir e hai que aprender a cesar a aqueles que converten o seu labor político nunha ameaza para o benestar común e para a democracia. E o que é peor, para imaxe do Estado Español fora das nosas fronteiras. Necesitamos xa xestos exemplares. Non creo que sexamos unha nación de amantes da corruptela, da impuntualidade, da desorganización, da preguiza, da mala educación per se. Creo na nosa grandeza e creo que estamos a tempo de solucionar os nosos problemas, pero para iso, hai que actuar, hai que operar xa ao enfermo. O diagnóstico está claro. Precisamos que os nosos administradores -os nosos traballadores, porque en democracia é o pobo o que contrata aos políticos- saiban manexar con grandeza a súa responsabilidade e dimitan a quen teñan que dimitir sen tremerlles a man. Ninguén dixo que o oficio de político fose doado. Se un político é amigo dun camarada de partido corrupto, poderá seguir sendo amigo del, pero a sociedade espera que o cese porque é corrupto e non que o manteña no cargo porque é amigo. De non actuar así, os nosos representantes nas institucións continuarán construíndo un país habitado pola inacción e o desencanto. Claro que vivimos nun país cun presidente que é un Don Tancredo. Todo un exemplo de dinamización.