Pese a ser Galiza un país distinguido en verdes, cores e primaveras, en ter tanta tradición arredor desas flores que axardinan a vida, festas, vodas e mesmo a tristura dos cemiterios, aínda queda moito por facer pra aproveitar o recurso, o don da natureza, a apoteose da converxencia rítmica dos Catro Elementos. Como fan noutros países que non gozan de tanto e xa non digamos nesa sedutora Provenza dos perfumes. Cor, espesura e recendo que provoca máis emocións e inspiración que alerxias. Tanta fartura natural e tanto aínda por facer sobre os coidados do monte, dos eidos, mesmo das plantas do xardín, das que complementan o interior da casa, dando gusto ós caprichos persoais, proba da liberdade, do saber e do poder domesticador do ser humano que tanto ten que ver co humus vital. Desa interacción, como resposta ó medio, nace a cultura que identifica ós pobos.

Na tradición galega e nas vésperas da que se da en dicir "noitiña meiga do San Xoán" prepáranse os ramalletes de herbas e flores, os que nesa noite tan curta poranse a remollo nunha almofía e deixaranse no exterior ó relento. E non valen calquera, que por iso de non moverse e buscar, xa se poñen xeranios, caraveis, hortensias ou o que lle cadra a man. Compre saír da urbe ó monte, por os pes na terra... e velaí a mensaxe. Non se trata para esta noite de exaltación da natureza domesticada, de plantas e flores de maceta, de invernadoiro, nin tan sequera do retocado xardín. Trátase das plantas ceibes,con fondas raiceiras na terra, as que rexeneran a paisaxe, as que cobren co seu manto verde de esperanza e flores pardiñeiros de abandono, inacabados intentos de arrogancia, a pesares de tantos pesares.

Aínda que a tradición admite, compleméntase e mesmo fai seu outros aportes, debe ser fiel ós vellos principios, sabendo que a tradición non traizoa. Podemos recoñecelos e identificalos a través da etnoarqueoloxía, desa ciencia que vai ás raiceiras das costumes. Neste caso ancestral tradición dunha moi antiga escola de manciñeiros que inspiraba a Cunqueiro, sabedores de herbas e flores en relación co mundo da menciña natural, de receitarios herdados, moi experimentados e chegados polos camiños e polos portos, propios da botica clandestina e curandeira das meigas do monte, con laboratorio e botica propia nas adegas, nas covas ou cachoupas de teitos cubertos de ramallos secos, de mesas en desorde de cuncas, xerras, tarros e morteiros. País de magos e meigas coñecedores do tempo cronolóxico e climatolóxico no que buscar e cortar, como e onde gardar e secar, como preparar amoados, xaropes, ramallos e a quen e pra qué ofrecelos. Aínda lembramos a aquela velliña do saco, a señora María de Punxín, de faciana topografada en curtido mapa de engurras de saberes, cuberta cun pano negro, debuxado en ouro, ó lombo un fardel cheo de ramalletes de herbas e flores murchas cun arrecendo a mestura de zoco persa que delataba a súa presenza, ofrecendo a súa mercancía en verso e en voz baixa, como pra gardar sabios segredos, "a artemisa entre o peito e a camisa", a cambio duns patacóns. Ela seguía a murmurar á orella os receitarios e o xeito de empregalos, pra dor de cabeza, pro reuma, pros bronquios, pros nervio s, as enfermidades máis nosas... e logo xa non digamos pros problemas dixestivos, pros males da pel... Ancestral sabedoría de herboristas aldeáns, dispostos a aplicar a terapia da natureza, os saberes dos magos e das meigas antigas. Sentimos ben non termos parado a recoller e aprender os seus saberes herdeiros dos castros, confundidos coa superstición. A Universidade e os universitarios de noutrora, mal guiados, andábamos e seguimos noutras cousas, mentres a vida pasa por diante.

Pois veña, imprescindibles na almofía de auga da noite de San Xoán son as flores sinxelas, humildes, franciscanas, as que cantaron Noriega Varela, Manuel María, Uxío Novoneira e tantos poetas da paisaxe e da paisanaxe... a frol do sabugueiro ou bieiteiro, a que medra sobre os vellos pardiñeiros, á beira dos camiños... como redimindo alí onde houbo ou por onde pasa a vida. Planta á que á tradición lle ofrece unha panacea de propiedades curandeiras e da que os nenos de noutrora aproveitabamos as súas varas pra facer esas cerbatanas que chamabamos tiratacos e improvisadas frautas. E no centro desa almofía máxica, como unha singular instalación, sobre todo, non faltarán as variñas de campaniñas de estraloques mourados, por algo coñecida tamén como, dedaleira, botexo... das que a medicina científica extrae a dixitalina e que tamén medran a carón dos valados, das cunetas , por algo e como moitas outras plantas para esta noite será coñecida así mesmo como "seoane" ou "sanxoán". Tanto é así que teño na dúbida de si este amoado de plantas, no seu conxunto sería coñecido como o "seoane" ou o "sanxoán", e que logo daráselle individualmente e confusamente ás mais usadas, como o bieiteiro e os estraloques. Composición verdimoura en contraste co marelo dos piornos e das xestas, tamén brancas, e das que unha mostra tampouco debera faltar neste singular remollo. E iso si, tamén as recendentes gamallos de fiúncho, malvas, verbasco, a herba da sarna, a de namorar, queirugas, romeu, as rosas silvestres, materia prima do cotizado Chanel n. 5... E si se atopan as cada vez máis escasas mapoulas, pois veña, tamén pra lavamáns, como a flor da paixón. Velaí, o meu saber, un inicio e coido que para nota, da base tradicional das herbas e das flores que quedarán coutadas no circo máxico desa almofía, asolagadas en auga da fonte ou do nacedouro, pra recibir o orballo ancestral, a bendición da noite santa ou meiga, en relación co solsticio de verán, cando no amencer as raiolas do sol anovado furan, entran e pegan nas chantas das vellas tumbas e templos megalíticos e quizais por obra e graza dos mestres construtores tamén peten nalgún punto mistérico das catedrais. A expresión poética, artística e popular do enigma da vida, da morte e da anovación.

Non deberan faltar nas vésperas desta gran festa tradicional galega, na que asoman tan ancestrais tradicións animistas, panteístas, celtas, gregas e romanas, improvisados postos pra ofrecer e revitalizar as tradicións. Deberan tomar nota as asociacións e cantos se dedican á animación cultural e pasar á praxe, expoñer nestas tardiñas longas a riqueza floral galega, adornada de tantas tradicións e con tantas posibilidades futuras, pra introducilas e telas, como norma de civilización madura, frescas ou secas na decoración da casa, pra elaborar licores, brevaxes medicinais, perfumes, xabóns, cosméticos, tinturas, aceites, remedios caseiros e xa non digamos na cociña... como na Provenza das tarascas celtas, das fontes sacras, dos poetas e dos artistas, das festas populares e con tantas relacións, traídas e levadas dende moi vello ós nosos confíns por peregrinos, trobeiros, cabaleiros e curiosos . Pro iso depende da educación que é conciencia ambiental e ética arredor do valor da natureza e das súas posibilidades, fronte á destrución do medio ambiente.

Preparativos da tradición para na mañanciña do San Xoán, lavarse a faciana con ese amoado de herbas e flores, como unha bendición da natureza para entrar noutro novo tempo, cando as flores dan o seu froito. Un xeito de celebrar con tradición e poesía popular o milagre da vida.