Non sei quen, en que momento e atendendo a que razóns as cadeas de televisión decidiron alongar os informativos da media hora que sempre foi a duración canónica a encher unha hora, ou hora e pico co complemento dos deportes. Escápaseme calquera argumento razoable, quitado que consideremos razoable meter publicidade no medio da información. Unha hora que, a maiores, na metade dos casos medio se enche a base de informacións sacadas de YouTube (el Rubius vai acabar de presentador, xa o verán) e a outra metade a base do que antes chamaban nas redaccións "hinchar el perro". Unha práctica que creo que non fai falta que lles explique en que consiste, aínda que se a van tomar de forma literal direilles que era facer dun gran de area unha montaña, e que nos medios audiovisuais permite a maiores técnicas como adiantar o que lles imos contar, non se vaian que lle imos contar aquilo que lle dixemos que lle íamos contar, á volta da publicidade contámoslle aquilo, isto é o que lle queriamos contar, isto foi o que lles contamos, e despedímonos coas imaxes (ou o son) daquilo que lles contamos.

En verao, a inanidade chega ata extremos de mirar cara os lados e logo fixamente a onde está a marca do televisor ou o pilotiño vermello por se hai unha cámara oculta que está filmando as bocas abertas dos espectadores. Empezan as vacacións. Uns van en tren, outros en autobús, outros en avión e outros en coche (en realidade, a noticia é que saíran en burro ou en dilixencia, ou tan sequera en barco, pero estas cousas sempre as fan en Madrid). Sacan uns usuarios de cada modalidade de transporte dicindo obviedades como o que lle gusta o tren-bus-avión-coche e cara onde van. E saen o que nas artes escénicas chaman figurantes con frase: "Puessí, me voy", "Ya tocaba", "A la playita", "Unos días de descanso" e outras frases reveladoras que se supón que configuran unha mostra sociolóxica de... de como a presencia dun micrófono tronza as sinapses e atasca o funcionamento cerebral dun urbanita medio. É dicir, mandan a unha chea de redactores a estacións de trens, autobuses, aeroportos e gasolineiras para informar que hai xente que vai de vacacións en tren, etc.

Outro xénero informativo que naceu cos telediarios longueirón foi o climático. En Galicia no inverno hai temporais e no verao en Andalucía pasan unha calor do demo. Entre as preguntas máis idiotas que fixen na miña vida estaban esas de "Que, hai temporal, non?", para recibir respostas como "Hai", "Estamos na época", "Pois si", ou como moito "E logo non vai haber, é inverno". Pensei que era pola proverbial reserva galaica, pero tampouco é que os andaluces, con toda a gracia de serie que teñen, se estiren moito máis ante a pregunta "¿Qué, hace calor, no?". En realidade, se non fose porque calquera telespectador pode pensar "vin a fulanito o outro día na tele e eu xuraría que lle fun ao enterro hai un ano" poderían gardar as reportaxes dunha tempada para outra. Reportaxes que sempre acaban co de "xa saben, cubran a cabeza e hidrátense ao volante, e extremen a prudencia se están ao sol", ou viceversa.