Obo da programación televisiva no verán é que, como repiten todo, dános dúas oportunidades: a de ver o que non vimos no seu momento, e a de comprobar que fixemos ben e non velo daquela. Contrariamente ao que se cre, a televisión en España é tamén cutre en cuestión de sensacionalismo. Todo se reduce a contemplar en catividade a uns mozos e mozas sen máis actividade que a hormonal, ou en criar unha raza de famosos para logo andalos estoqueando, como os touros de lidia, pero nos platós no canto de nas prazas. Realitys entretidos -e verdadeiros estudios sociolóxicos- hainos por aí fora.

Por exemplo, nunha cadea pública australiana, a SBS, botan un reality que se chama Go back where you came from ("Volve de onde viñeches"). No primeiro programa levaron aos concursantes a Siria, ao fronte no que loitan os kurdos contra o Exército Islámico. Nos que faltan por emitir, terán que convivir nun campo de refuxiados no Congo e nunha lancha de rescate á deriva con inmigrantes. Como se aquí trasladasen a eses bronceados coa cabeza chea de brillantina aos campamentos de subsaharianos que agardan en Marrocos a ocasión de entrar en Ceuta saltando o valado. Non é o único reality social. Outra canle pública, a checa Ceská Televize (CT), acaba de producir Vacacións no Protectorado. O Protectorado era o réxime que tiña a antiga Checoeslovaquia baixo o III Reich, e o programa reproduce a vida baixo a ocupación nazi. Os concursantes, unha familia de sete persoas, teñen que sobrevivir ás condicións daquela, como as redadas da Gestapo ou a fame. Iso, si, saben que non os van fusilar ou levar a un campo de concentración. E a BBC vai estrear Britain's Harderst Grafer ("O traballador máis duro"): 25 parados ou traballadores precarios, habitantes dos barrios marxinais, afrontan traballos duros para ganar o premio, o salario mínimo anual no Reino Unido: 15.000 libras (20.000 euros). A adaptación destes formatos aquí estaría chupada. De feito, o segundo concurso xa acontece na vida real, soamente que osalario mínimo británico si que é de ficción televisiva.

En todas partes hai deses de chic@ escolle chic@. Mónica Lewinsky presentaba un que se chamaba Mr. Personality, no que unha rapaza escollía entre 20 cabaleiros ataviados cunha máscara de ferro para que o que se apreciase fose o seu interior. Hai versións máis bestas. En Who is your daddy? ("Quen é teu pai?"), tamén na televisión norteamericana, unha muller, filla adoptada, tiña que recoñecer ao ser verdadeiro pai entre oito candidatos. Supoño que se non atinaba, aínda que non apañara os cartos, dicíanlle de todas formas quen era o pai. Con todo, non son as cadeas estadounidenses as máis retortas á hora de programar concursos estremos. Á par das xaponesas, campioas dos programas baseados na humillación, os reis do reality son os británicos. Channel 4 chegara a proxectar (e a solicitar voluntarios) para un programa chamado Dust to Dust ("Pó ao Pó"), baseado en contemplar a descomposición dun corpo humano, e realizou un, Shattered ("Escangallado") no que dez concursantes tiñan que pasar unha semana sen durmir nada (un acabou crendo que era o primeiro ministro australiano). E Endemol, a produtora holandesa que creou Gran Hermano, ideou tamen Sperm race ou Make me a Mum ("Carreira de esperma" ou "Faime nai"), unha competencia entre homes para ver -ignoro por que sistema- quen tiña o esperma máis potente. O premio, obvio, era un coche de carreiras.