Segundo parece o mundo se divide en moitos tipos de persoas, pero poderíamos dicir que hai catro grandes grupos ben definidos: os intelixentes, os malvados, os desgraciados e os estúpidos. Os intelixentes son aqueles que se enriquecen facendo uso da súa virtude e son quen de axudar aos demais. Os malvados son quen de enriquecerse a conta dos demais e de non axudar nunca aos seus semellantes. Os desgraciados son os que se desviven por axudar aos demais, pero se arruínan a si mesmos, encontrándose moitas veces na situación de non ser axudados nunca, incluso por aqueles aos que eles prestaron auxilio. E logo están os estúpidos, estes non son conscientes de que haxa que axudar a alguén, raramente senten nas súas carnes a ofensa que lles propina outra persoa, porque a súa inconsciencia impídelle pensar que alguén poida ter algún interese en ofendelo. Non se enriquecen en demasía e teñen todos os defectos e virtudes dos demais grupos, pero pasan por eles sen decatarse da súa existencia. Como diría Camus "a estupidez é terca", e polo tanto atopámonos con estúpidos cotidianamente. Acostuman ser persoas sen vocación por nada. Carecen do espírito do esforzo e, habitualmente, vailles ben na vida. Non se complican. Cando hai un problema miran cara outro lado. Soen ter unha algunha teima na que se refuxian para xustificar as súas vidas e así poder pasar por riba dos problemas da humanidade como se pasaría por riba dun anaco de papel que flota esquecido no asfalto, sen deterse a pensar que nese anaco de papel pode habitar un poema que lle cambiaría a vida se reparase nel e se detivese a lelo. Pero é difícil porque o estúpido le pouco. Dentro do grupo dos estúpidos, encóntranse outros grupos que derivan deste tronco principal: os necios, os inútiles, os impuntuais e os lamecús. O intelixente, o malvado e o desgraciado non precisan da corrupción para medrar. O intelixente gáñase a vida folgadamente co seu talento, o malvado despreza ao corrupto porque lle parece un inimigo menor pois as súas ambicións son moi altas e o desgraciado acostuma a ser unha vítima do corrupto. Pero os estúpidos son carne de canón para o universo das corruptelas. Móvense na mediocridade dese ambiente como perico pola súa casa. É nese espazo de ruindade onde o estúpido se encontra perfectamente situado. Todo vale. Hai que pasar desapercibido. Enganar. Non dar a cara. Ocultar. Mirar para as antípodas. Sorrir sen vir a conto. Presumir de roupas de marca nunha gala benéfica, mercar coches que non usa, dar palmadiñas nas costas a todo o mundo como se lles tivese feito un gran favor, cando nunca fixo nada por eles. Un estúpido acepta un convite para xantar a conta do erario público sen preguntarse de onde saen os cartos cos que se pagan as vieiras e os percebes. Se un amigo seu teu unha gravísima doenza, o malvado preguntará para facerse a idea de canto lle queda de vida, o intelixente ideará a maneira de auxiliar á familia do doente, o desgraciado compartirá o día a día do enfermo acompañándoo na súas estancias hospitalarias, mentres que o estúpido nin sequera chegará a saber a dimensión da doenza do seu amigo. Decatarase de que era algo grave cando asista ao seu enterro. Pero axiña esquecerá o sepelio. Tirará de máxima: "Só se vive unha vez".