Eu creo, como todo o mundo, que á nena Asunta matárona os pais. É a explicación máis probable, máis verosímil e a única crible. Pero afortunadamente, eu non formo parte do xurado. O que eu opine non lle vai afectar para nada a Rosario Porto e Alfonso Basterra, nin á sede de xustiza -ou do que sexa- que ten a sociedade para apagar a indignación pola morte planificada dunha nena. No sofá da miña casa, na mesa dun café ou na barra dun bar, fago as consideracións que me petan, e en ocasións diante deste teclado, comparto con vostedes as opinións que teño sobre isto ou estoutro. Pero non me considero capacitado para xulgar, para que do meu ditame dependa a liberdade dunha persoa, ou que un asasino ande solto cun inocente pagando por el. É máis, da mesma forma que Groucho Marx nunha entraría nun club que o deixase entrar, eu non me fiaría dun xurado composto por xente que se considera capaz de xulgar aos demais con efectos certos e firmes.

Ou sexa que, admitindo de entrada que non lle vexo outra explicación que a de que a Asunta a mataran seus pais, non comparto outras seguridades que se converteron en feitos certos e probados pola decisión de nove persoas. A maioría dos filicidios danse en circunstancia de loucuras transitorias, de depresión postparto, de arrebatos de ira, de vinganza cega cara o outro xenitor. O que fai terrible este caso, e ao tempo máis certa a autoría, é a continua subministración de sedantes á vítima, que soamente podían facer seus pais. E a continua serie de contradicións nas que caeron, os guións truculentos que argallaron para xustificar o que fixeron, revelan que o único que está claro neste tráxico suceso é a autoría.

Pero para un veredicto, a min paréceme que se necesita algo máis que o pleno convencemento de nove persoas sometidas a un bombardeo mediático por terra, mar e aire, de día e de noite, na que a media mañá se dicía unha cousa e a media tarde a contraria, e ao día seguinte dábase unha terceira versión sen desmentir nin corrixir ningunha das anteriores. E cunha instrución do sumario circense, que incluíu gravar as conversacións de dous presos preventivos, práctica que non sei se será habitual, pero que creo que por algo parecido Garzón anda agora loitando pola unidade popular en Madrid, e non ditando sentencias. Salvo a propia torpeza duns asasinos (xa se pode dicir, non?) de clase media alta que confunden a realidade coa televisión, non hai moitas máis probas de peso. E as que hai, con chapuzas na criminalística como cortar coas mesmas tesoiras un preservativo e logo a camiseta da nena, e de aí deducir que había seme na roupa, non debían ser difíciles de desmontar. É como se en CSI abrisen as bolsas de probas cos dentes.

Entendo e, como non xurista, comparto a condena (por moito que me pareza que el asume todo o lote arrastrado unha vez máis), porque teño a convicción, e porque outro fallo sería socialmente impensable. O que chama a atención, a ver se na sentencia sae, e que non se mencionasen os motivos polos que uns pais planifican durante meses librarse dunha filla da que podían desentenderse polo tradicional método na burguesía de metela nun internado por aí adiante. Quitado nas vellas novelas de misterio inglesas, nas que o obxectivo do asasinato era proporcionar un cadáver e un problema que resolver, sempre se mata por algo.