Teño que empezar polo debate de hai unha semana. Sei que debería falar dos resultados, pero me interesa facelo máis do debate. Un debate antiquísimo. Como en branco e negro. Cunha realización triste. Cun moderador melancólico. Todo era antediluviano. Hai que pensar que o bipartidismo se funda en España no 1982 coa vitoria de Felipe González. Nese momento pásase dun réxime parlamentario a un réxime presidencialista. E tárdanse once anos en emitir un cara a cara. A democracia española para aquela xa ten quince anos de vida. Mal asunto. E desde aquel primeiro debate a dous pasan vinte dous anos para facer un debate a catro. Mal asunto. Se agora os dous grandes partidos perden votos e presenza, non será só polos escándalos de corrupción, senón tamén pola prepotencia exhibida por ambos. Durante anos estiveron negándolle aos partidos pequenos o seu espazo de gloria nos medios de comunicación, e agora, é a cidadanía a que llo quita a eles. Pero non evitemos falar da corrupción. A lexislatura estivo marcada por ela e era inevitable que saíse no debate e era inevitable que se chegase ata onde se chegou. É certo que Rajoy debeu dimitir, pero máis certo é que Rajoy non debeu mandar eses mensaxes. Un presidente debe exercer de tal, mais tamén parecelo. Bárcenas será unha lousa na lexislatura de Rajoy, e non tanto no propio Rajoy. Porque o presidente non é culpable da corrupción do seu partido, pero si responsable de falta de personalidade e contundencia. Con determinados comportamentos e determinadas persoas hai que ter man dura. A corrupción colouse na campaña porque está infiltrada no corazón mesmo da política. Hai unha podremia preocupante. Gustavo Arístegui, un home culto, cunha gran formación histórica e diplomática, envolto nun caso de corrupción. Por favor. Este non é un gañán como o tesoureiro. E o de Pedro Gómez de la Serna mellor non menealo, mal asunto. E cando criamos que todo volvía coller un certo raciocinio na campaña despois do aburridísimo debate moderado polo non menos aburrido Campo Vidal, chega o puñetazo. Un puñetazo que indigna, que arrepía e que nos deixa orfos de alegría. Un imbécil golpea ao presidente e, de paso, pégalle un puñetazo a todos. E digo imbécil, porque se con isto pretendía facerlle dano ao PP na campaña, o tiro saíulle pola culata, porque este tipo de accións sempre favorecen ao máis feble, a xente simpatiza co golpeado, non co que golpea. Non falemos xa dos responsables da seguridade do presidente. Falemos da estética interna que entre os escoltas existe con respecto a Rajoy. "El pollo está en el coche". Xa sei que se trata dunha frase de consumo privado, pero hoxe, todo queda gravado. Referirse ao presidente como pollo e ao coche como se fose un niño de aves da, cando menos, grima. Con todo, botei en falla que se dixeran cousas positivas de España. Poñamos un caso "somos un país seguro". Si, nos sufrimos algo máis de noventa asasinatos ao ano, mentres Venezuela acada os vinte catro mil e EEUU supera os oito mil. Non é un mal dato. Pero era imposible pensar algo positivo no cara a cara, cando a ambientación era tan gris e o moderador do mesmo tan muermo. Agora que formen goberno e deixen de roubar. Que se acabe o ruído da campaña e que teñan altura de estado para sacarnos da miseria á que nos levaron. Imos cansos de aburridos e corruptos.