Non é que sexa un friki redondo do que agora se chama "saga" de Star Wars, pero se me deran a escoller que DVD levar a unha illa deserta (deserta pero con home cinema, claro), escollería sen chisco de dúbida a franquicia de George Lucas e non a obra completa de Éric Rohmer. Que lle imos facer, máis vale unha vez vermello que cen colorado, ou como se diga. Pero con todo, hai cousas que sigo sen entender de Star Wars.

Todo starwariano que se precie despreza a primeira triloxía: a que se filmou a finais do século XX e se puido ver a comezos do XXI despois da segunda. La amenaza fantasma, que era aquela na que o neno Anakin Skywalker que despois sería Darth Vader facía de Ben Hur nunha carreira de algo que parecía dúas bombonas de butano unidas por un sillín, e acababa cunha batalla entre unha especie de batracios que vivían baixo da auga e os exércitos do mal de sempre por poñer a Natalie Portman de raíña. El ataque de los clones que era a seguinte, na que fundamentalmente a Anakin mátanlle á nai, córtanlle un brazo e casa con Natalie Portman (a pesar de que na película anterior ela era bastante maior ca el e agora son dunha idade).

A terceira, La venganza de los Sith, xa é un desbarre. Anakin e o seu patrón Obi-Wan vanlle dar cera aos separatistas da película anterior e rescatar ao chanceler da República, que se deixou secuestrar como un parvo. Pero non, porque era malo, un Lord Algo deses, e empézalle a comer a cabeza a Anakin, que comeza a ter o comportamento dun neno ao que lle quitan a consola.

Finalmente, mata aos jedis, aos aprendices de jedis e a tutiquanttie di o seu famoso berro de "Noooooo". Obi-Wan, en vez de darlle unhas losqueadas, córtalle as pernas e o brazo que lle quedaba, e tira con el a un río de lava que había alí.16 anos de espera, de 1983 a 1999, para estas trapalladas.

Con todo, no que reparei ao ver a primeira película da terceira triloxía, esta de El despertar de la fuerza, é en certas incongruencias de toda a serie. A primeira, porque en case ningunha película os bos teñen un exército en condicións. Toda unha República Galáctica de milleiros de anos, e póñenlle a perna enriba asociacións como a Federación de Comercio ou a Confederación de Sistemas Independentes.

Milleiros de planetas solares integrados nela e confían toda a defensa aos jedis, que serán bos, pero con ese aprendizaxe non deben ser moitos, e a unha Resistencia ou Alianza Rebelde, moi voluntariosos, pero sempre teñen que botar man dos protas. E menos mal que na Estrella de la muerte sempre deixan un burato, a segunda vez máis grande que a primeira, polo que entrar e facela estoupar. Debe ser por iso que o exército dos malos non evoluciona. Sexan os do Imperio galáctico dos episodios IV, V e VI, ou da Primeira Orde do episodio VII, os stormtroopereses de branco co casco que parece un urinario son os mesmos. E os oficiais con esa gorra de carteiro tirolés e uniforme gris sufrido, o mesmo.

George Lucas fai as cousas para rapaces, pero tamén os rapaces deben saber que o mundo non é branco ou negro, e que o mal vai mudando de uniforme.