Eu non lles quería falar sobre a importancia dunha desas lendas que o pensamento único despreza porque non forma parte do imaxinario mainstream que lle ensinaron na escola (ía poñer na escola franquista, pero en España a escola é franquista desde que lle quitaron a cátedra a Fray Luis de León) e agora remachan desde os medios e as series de televisión tipo Isabel. Ese imaxinario que cre firmemente, a falta dun heroe fundacional -Viriato resultou ser portugués- en mitos como a Reconquista (en realidade unha loita relixiosa entre os herdeiros duns invasores visigodos que estiveron dous séculos contra os herdeiros duns magrebís que estiveron oito). Ou no da chegada do apóstolo Santiago, que non veu a Galicia vivo, pero si morto, como os peregrinos ao Santo Andrés de Teixido, pero nunha barca de pedra. Ninguén dubida, crea ou non neses mitos fundacionais, da súa relevancia ideolóxica e económica desas lendas.

Aquí temos unha, a de Breogán, o rei celta que divisou unha illa desde a Torre de Hércules, e mandou alí o fillo cunha pedra (iniciando así a tradición dos galegos de viaxar sempre cun paquete para alguén). Aquí á lenda déronlle importancia a xente das Irmandades da Fala e logo, como todo o relacionado coa cultura propia, quedou esquecido ou sepultado, xunto con bastantes dos que a propugnaban. En Irlanda, non obstante, no Lebor Gabála Érenn ou Libro das Invasións, a lenda fundacional do país, contan que a orixe do pobo irlandés está na longa peregrinación, logo da confusión da Torre de Babel, de Exipto a Galicia, onde fundaron Brigantia e desde onde se trasladaron a Irlanda. Segundo o Lebor, Breoghan (como lle chaman eles) mandou ao fillo como quen o manda a visitar a uns primos emigrados hai unha chea de tempo, co paquete-pedra. O croio está hoxe en Westminster, baixo da cadeira onde se coroan os monarcas do Reino Unido. Moitos países darían coa pedra esa nos dentes por ter unha lenda dese tipo. Imaxinen a Esperanza Aguirre (xa sei que non manda, pero é difícil de imaxinar doutra forma), ou a Puigdemont, o partido, turístico, económico e cultural que lle sacarían. Aquí, pola contra, es una cosa desas de galleguistas.

Tampouco pensaba comentar nada sobre ocentenario do Levantamento da Pascua de 1916 en Dublín contra o dominio británico. O normal nunha sociedade democrática é celebrar as festas dos outros. Supoño que o 14 de xullo de 1989, segundo centenario da Toma da Bastilla debeu haber uns considerables fastos institucionais en todas partes, empezando pola capital de España. E no 2026, o 250 aniversario da Declaración de Independencias dos EEUU será un acontecemento mundial.A independencia de Irlanda conmemorouse na Coruña de forma modesta, pero o embaixador tivo o detalle de achegarse, participar nos actos organizador pola Comisión da Memoria Histórica, asistir a unha foliada nun pub, e pagarlle unha ronda aos músicos.

En realidade quería comentarlles o espectáculo que deron na Plaza Mayor de Madrid os seguidores do PSV Eindhoven. Pero non tiven estómago. E reparei que que se lles vai reprochar a uns fillos de puta de a pé se os gobernantes da UE, que non teñen a escusa de estar bebidos, tratan a seres humanos como paquetes (peor, os paquetes teñen libre acceso). E tamén no pouco que sirve lamentarse cando o que merecían eran unhas labazadas ou polo menos pensar neles cando pidan o voto. E naquilo que dicía Einstein de que a vida é moi perigosa non polas persoas que fan o mal, senón polas que se sentan a ver o que pasa. Como as que na Plaza Mayor seguiron co "relaxing cup of café con leche", tan tranquilos.