Dimitiu un ministro, e resulta que debemos estar orgullosos del. Posiblemente por iso dimite tan pouca xente en España, por humildade, para que non verse no trance de ter que dicir: "Compatriotas, non é para tanto, un fai o que pode. Calquera de vostedes faría exactamente o mesmo nas miñas circunstancias". O cal é unha verdade a medias. Porque o cidadán medio recordaría perfectamente, a diferencia do exministro Soria, se tivese asinado uns papeis dunha empresa offshore ou inshore, e mesmo alardearía diso nos bares cos amigos ("ben que amolei a Facenda...!). Agora ben, estou seguro de que unha parte considerable, nas mesmas circunstancias que Soria, faría exactamente o mesmo. O curioso é como cadra esa conduta antisistema nun home que foi alcalde, presidente provincial e logo ministro.

A mesma curiosidade me embarga no caso de Aznar, ese home que parece un siamés do exministro Soria, pero varios anos maior e varios grados máis cabreado. "Me cuesta mucho ganarme la vida honradamente y pago hasta el último de mis impuestos", dicía nunha entrevista en 2014. Que lle custaba moito ganar a vida era evidentemente unha esaxeración e mesmo un sarcasmo, tal e como estaba entón e agora a situación laboral. A maiores dos 80.000 que percibe como expresidente, está en nómina do multimillonario Rupert Murdoch (que non o fai ir fichar, precisamente), preside a Fundación FAES (a que máis fondos públicos recibe en España), entre outras sinecuras, e non sei o que cobrará por conferencia. Ora ben, o que non imaxinaba nun inspector fiscal que escolleu posar disfrazado de El Cid para unha serie fotográfica cando era presidente castelán-leonés e tan de volver ao rego aos demais, era que defraudase (presuntamente) en todos os aspectos: a Facenda e a quen o vía como modelo de austeridade mesetaria. Creou unha empresa coa súa muller en canto deixou a Moncloa, para pagar menos do que cobraba polos libros e así: entre 250.000 e 300.000 euros ao ano. Home, hai que recoñecer que Madrid é caro pero eu coñezo familias que viven con menos. Quizais o problema non sexa que costa ganar a vida, senón o de "honradamente".

Debe ser que o patriotismo xa non é o que era. Por exemplo, Jorge Fernández Díaz, ese ser humano que foi atopar a fe cristiá en Las Vegas, que é un sitio onde todo o mundo máis ben perde de todo. Como ministro -estirado- de Interior nomeou comisario honorario a Francisco Marhuenda, ese xornalista que dirixe La Razón desde os platós de televisión. As razóns e os méritos, fora do partidismo a ultranza, son un misterio e un secreto (quizais haxa que ir a Las Vegas a ver se hai unha revelación), pero queda claro que en Interior non son rancorosos: a Marhuenda acábano de condenar por intromisión á honra dun comisario de verdade.

Mentres tanto, a un mariñeiro coruñés, Manuel Iglesias, patrón do Cabo Hornos Dos, acáballe de abrir expediente por "falta grave" a Capitanía de Santander. Cando estivo alí amarrado, os agudos observadores cántabros advertiron que o pesqueiro levaba unha bandeira galega igual que a española, é dicir "de un tamaño irregularmente superior". Púidose desencadear unha catástrofe sinalética. Sen ir máis lonxe, a bandeira da Armada de guerra rusa é igual ca galega, pero cunha banda cruzada, e a irrupción do Cabo Hornos Dos na rada santanderina puido derivar na tráxica conclusión de que se estaba producindo unha invasión postsoviética, como en Crimea. Pódenlle caer 120.000 euros. Menos mal que mentres as esencias se afunden, aínda quedan patriotas de verdade en Santander.