Cabana de Bergantiños e a súa aldea de Borneiro celebran neste 2016 o centenario do nacemento de Manuel Lema Otero, un aldeán, "coma quen dis un ninguén"... aínda que a súa andaina vital reborda desas aventuras e desventuras tan comúns e silenciadas no pobo galego. Lema Otero, sempre disposto a escoitar, servizal, idealista, organizador, como druída da tribo que o inspira e coa que artilla retablo pictórico naif, os fitos da súa vida, as súas preocupacións. E faino con espontaneidade, autenticidade e sinxeleza, esgotando os seus recursos, cun fin catequético, o de compartir a grandeza da vida, de cada primavera, desbotando todo canto fende co grupo. Obra en pequeno formato, complementada en ocasións con textos. Bebendo de principios populares, na literatura de cordel, na banda deseñada, na estampa, na vida.

Hai historiadores que repararon, no seu xusto momento, neste borneirán, como Xosé María Lema Suárez, Xosé Luis Otero Cebral, Xosé Manuel Varela Varela, que espallaron o que aquí retomamos. Como proba unha pequena pero intensa publicación feita pola Deputación da Coruña no 1999, Manuel Lema Otero:Manuel do Monte, o home dos pitos, pintor naif.

Borneiro é aldea transcendente na arqueoloxía galega, paraíso sempre vivido, onde por algo se ergue o dolmen de Dombate, fito de paso pra Pondal; montes pedregosos onde se atoparon varias cistas da Idade do Bronce e sobre a que se ergue a croa do castro da Cidá. Asentamento referenciado por Paga Pondal, escavado nos anos trinta por Sebastián González García- Paz, nos setenta por Jorge Juan Eiroa e nos oitenta por Ana Romero Masía...Polo demais os muíños, as casiñas mariñeiras-labregas de Vilaseco, as que atraeron tamén o interese do etnógrafo Xoaquín Lorenzo que as estudou, antolóxicos documentos dunha vida pasada, merecentes de maior atención. Por Lema Suárez sabemos que Borneiro foi no século XVIII un importante obradoiro de retablos e imaxes, saga que nace co taller de Xoán Martínez.

Na cerna desta aldea campa a casa familiar de Manolo do Monte e de Erundina, a súa muller, matrimonio con tres fillos e unha filla. Construción de sólida feitura, tradicional, con competente lareira e cambota, dous fornos.... predio de hortas e eidos. Conxunto que, á forza, deixa pegada, como embigo do mundo, Ítaca de ida e volta para Manolo... Alí, baixo a pálida luz marela dunha bombilla, inventa, trebella e pinta as lembranzas e os sentimentos.

Polas obras coñecerémolo, Manuel Lema Otero era un deses milmañas populares, capaz de acometelo todo, servizal, a un tempo que labrego e granxeiro, mesmo trebellou inventos ben curiosos, en función das necesidades aldeáns: unha incubadora para os pitos, un sistema pra detectar incendios domésticos, entre outros pra escorrentar os porcos teixos das hortas, mesmo como obter gas a partir do esterco... Exerceu de carpinteiro-encofrador en edificios da Coruña, en Suíza e na Central nuclear de Cofrentes, en Valencia, onde mellor lle pagaban por ese plus de perigo ao que tanto se apuntan os galegos. Nesas idas e voltas, sempre con centro en Madrid, servíronlle para pararse no Museo do Prado e velaquí unha fonte de inspiración, especialmente na temática relixiosa. No 1983 sumouse ao plan de escavacións arqueolóxicas dirixidas por Ana Romero Masía no Castro de Borneiro, tarefa que aviva a súa fantasía e inspirará hipotéticas reconstrución pictóricas do hábitat protohistórico. Igualmente fai co dolmen de Dombate, Ofrenda aos deuses sobre o dolmen, ritual entre a Terra e o Ceo.

Con 65 anos de idade, no 1982, ante o anuncio e polo ánimo do seu fillo, decide presentarse ao Premio Fundación Barrie de la Maza de pintura naif. Entre 575 obras presentadas, no xurado persoeiros como Filgueira Valverde, Juan Antonio Vallejo Najara, Juan Ramírez de Lucas, José Castro Arines e Gerardo Rueda, Lema Otero, consigue clasificar tres cadros pra fase final e recibir o Premio pola súa Batalla del Ebro, a descrición da tráxica experiencia vivida nunha guerra fratricida, no fronte mais duro, de chumbo e morte, cando se tinxe de sangue o río da Pilarica. Dende o premio a aqueloutro Guernica todo foron homenaxes a don Manuel Lema, en Borneiro argállase romaría e discursos na carballeira de Briño. Medra entón en Manolo un mal presentimento, cando tanto se gaba agora a súa obra, a que entendía como "pasatempo" sen mérito algún. Seguiron mostras antolóxicas da súa obra no Hostal dos Reis Católicos en Compostela,no Museo de Castrelos en Vigo e no Museo de Pontevedra. Naqueles días os medios afondaron na vida do aldeán, singular pintor naif, sen formación, pero ben curtido pola universidade das contendas, da emigración, empuxado polas circunstancias.

Si unha das características da arte naif é a pureza, a inxenuidade, a autenticidade, a teatralidade, o animismo... non se atopará algo máis puro que a obra de Lema Otero, sen contaminar polos botafumeiros intelectuais. Obra aguilloada polas vivencias, a artellar a paisaxe coa paisanaxe e mesmo a denunciar canto tenta contra a vida e os paraísos terreais. Expresa o animismo, o panteísmo, o expresionismo galego, tramado sobre ese herdo románico de figuras hieráticas, falando coas mans, a enxergar o devalar do tempo, rebordando, inundando e metendo ao espectador na escena. E como é lóxico a proporción, a perspectiva, os planos superpostos non son prioritarios para contar o que se tenta, si o son outros ritmos máis poéticos e musicais, os da cor , en son cunha escenografía de ballet. Non se paraba nas técnicas, nin na calidade das pinturas, si acaso escollía as máis baratas, acuarela sobre cartolina, as pinturas acrílicas e o por il máis considerado, o óleo.

Temas cubertos de relixiosidade, o que nos religa á forza da Terra na que afondan as raiceiras, á atracción do Ceo, onde se presinte unha ollada suprema sobre os monumentos, sobre as casas, as barcas, o monte e o mar... Profusión dos temas bíblicos, dende Adan e Eva ao Xuízo final, presididos por esa luz divina, misteriosa. Na hora h onde o esqueleto da morte tira e fai esvaecer a silueta dun home ben traxeado.

Manuel Lema representa o que sinte e olla cada día dende as xanelas da casa, o devalar da paisaxe entre os montes de Borneiro, das catro estacións, a apoteose florida da primavera, o cruceiro, o carro, a grade, sementando, segando, ballet a ritmo de tradición. Retrata tamén o traballo urbano, o dos encofradores ou ferrallistas sobre as estadas dun edificio. Crítico co acontecer, coa prostitución, coas drogas, berro seco desacougante sobre canto fende a convivencia.

A obra de Lema Otero espállase hoxe entre doazóns que fixo agradecido alí por onde pasou, nas que mostra o Concello de Cabana e nas que reúne a mesma familia. Non coidou demasiado a súa posta en escena, os enmarques non axudan a realzala... e a couza ameaza. Centenario pois para reivindicar este creador e a súa obra, merecente de darlle un tratamento museolóxico, esto é entendela como un atractivo recurso: coidala, estudala, difundila...

Manuel do Monte, o Home dos Pitos, o Pintor de Borneiro, finou o día 6 de agosto de 1991 na súa Ítaca, onde naceu, partiu, retornou, levou no corazón e retratou cun sentir ancestral.