Cicerón non estaba moi contento da época que lle tocou vivir, o século I antes de Cristo. Polo menos non o estaba cando dixo aquilo de "estes son malos tempos. Os fillos deixaron de obedecer a seus pais e todo o mundo escribe libros". As épocas de crise caracterízanse, non só porque se afunde a economía -a da maioría da xente, non toda-, senón porque se derruban ou polo menos abalan os piares nos que se baseaba esa sociedade e as crenzas que mantiñan a meirande parte dos seus integrantes. Sen ir máis lonxe, despois de toda esta escandalera de corrupción que saíu á luz, e da que non saíu pero é sabida, eu tiña dúas teorías. Unha, que en España o problema, máis que as ilegalidades, era a impunidade coa que se cometían. Dúas, que contrariamente ao que pasa, aquí quen eran venais non eran os funcionarios. Podían ser eficaces ou non, traballadores ou langráns, pero a ningún se lle ocorría deixar caer que eran precisos un par de billetes para completar un trámite. Eran os altos cargos os que tiñan as mans indecentemente máis longas que as mangas. A crise tamén afectou ás miñas conviccións.

O que acabou de tombar coa eficiencia dun loitador de Catch-as-catch-can a miña confianza inxenua de que a venalidade só habitaba nos pisos altos da administración é o caso do xuíz Salvador Alba, ese que foi gravado facéndolle un traxe a medida, e non precisamente unha toga coas súas correspondentes puñetas, á súa compañeira de carreira xudicial e exparlamentaria de Podemos Victoria Rosell. O de montar a declaración dun empresario imputado pola maxistrada nunha causa, facéndoa cadrar de tal forma que sostivese a acusación que no seu día fixera contra ela o exministro Soria. Non sei se se entende, pero en resumo é que un dos responsables de ditaminar que se axusta á lei e que non, colle a xustiza polo rabo é retórcea ata que entra por onde el quere.

Sinceramente, eu pensei que no estamento xurídico, como en todas as profesións, había cordos e tolos, burros e listos, xente preocupada polo que fai e outros que tanto lle ten todo. Soamente que se nota máis ditando sentencias que varrendo rúas. E tamén sabía que entre bombeiros non se pisan a mangueira, e que a clase alta está arriba porque se autoprotexe das outras. Pero nunca pensei que se chegase a estremos de xuíces amañando probas contra outros, ou altos cargos policiais ordenando investigacións contra rivais políticos. De seguir esta deriva, ningún empresario e/ou imputado debería saír da casa sen o seu pertinente equipo de gravación en perfecto estado de revista, e os políticos da oposición deberían empezar a practicar aquilo tan romántico e tan bohemio de durmir cada día nunha casa distinta, non sexa que vaian ter visitas de madrugada.

Claro que agora que caín do guindo no que respecta aos funcionarios, entendo perfectamente porque hai impunidade. Nunha democracia normal, ao lado destas prácticas, lado, roubar (desde un cargo) é case un delito menor, como roubar para comer, ou levar as toallas dun hotel.