Alguén dixo que "de igual xeito que a noite nunca vence ao amencer, os problemas non vencen á esperanza". Cando unha nación está en perigo, nunca deberamos perder de vista esta reflexión. Os problemas poden ser moitos e distintos, mais a esperanza sempre radica na cidadanía. Se un grupo de irresponsables iletrados está disposto a levarse por diante todo o que unha nación construíu sempre xurdirá un grupo de boas persoas que lles expliquen a estes ignorantiños que a democracia radica no respecto ao diferente.

Os profesionais da política acostuman a rodearse de xente inculta, túzara ou excesivamente doutrinaria. Prefiren unha ideoloxía que cultivar unha idea. Prefiren impoñer un pensamento que fundar outro, ou ter que convivir con outros xa existentes. Por motivos, exclusivamente persoais, a situación que vive na actualidade Venezuela, aféctame profundamente.

Deixemos á marxe, se somos quen, a ideoloxía que goberna nestes momentos o país caribeño, e vaiamos ao estado no que se encontra. Ademais dunha crise económica e dunha tensión civil importante, Venezuela, vive, algo que non sucedía desde hai anos, unha crise alimentaria e un aumento da violencia desorbitado. Que aumente a violencia en Venezuela xa é algo que merece nota. Caracas é un dos lugares máis inseguros do mundo e unha cidade onde se producen un número brutal de asasinatos ao longo do ano. No resto das cidades do país non se acada un índice de violencia tan alto como na capital, pero tampouco son urbes seguras.

O desmantelamento da produción petrolífera é tal, que xa só poden exportar cru, pero non o poden tratar. Isto significa que as ganancias na exportación descenden. Nun país inzado de ríos, viven restricións eléctricas. Non hai cartos para pagar aos funcionarios e danlles descanso de varios días para así facer fronte a un salario menor. E despois, teñen a desgraza, insisto, deixando dun lado as ideoloxías, de estar en mans dun iluminado, dun señor que di que se lle apareceu o comandante Chaves en forma de paxariño e que lle falou ao oído, dun home que se autodenomina así mesmo "o látego de Cristo". Parece que a experiencia salvadoreña non lle serviu de moito a este señor. Lula e Dilma foron corruptos, pero como dirixentes do seu país, criaron unha nova clase media, moi humilde, pero que se asentou no emprego e no consumo.

Eles pagarán fronte a xustiza brasileira, mais algo quedará das súas políticas. Pero que quedará de Maduro? A nación está desfeita. Está a cargarse a clase media e a clase media baixa. Cada día hai máis violencia na rúa e máis pobreza nos fogares. E, por riba, descubrimos que no seu réxime tamén había corruptos. En fin, que se el non desaparece, e con el o seus secuaces máis arbitrarios e violentos, imos camiño da desfeita. A democracia en Venezuela está intervida.

A saída non é doada, pero confiemos que un grupo de boas persoas, responsables e dispostas a servir á nación, sen ánimo de enriquecerse e co único obxectivo de devolverlle a normalidade, provoquen o nacemento dunha esperanza, unha esperanza que a cidadanía venezolana debera apertar coa forza coa que se agarra un salvavidas nun mar bravo e impetuoso.