Todo comezaba os domingos pola mañá. Nese día, no que moitos nenos saían a xogar á rúa ou de paseo cos seu pais, Tino, e os seus irmáns, tiñan que debuxar. O seu pai dáballes lapis e pinceis e, mentres escoitaban música clásica, os cativos iniciábanse nos rudimentos da pintura. Tino procede dunha familia de pintores. O seu avó e o seu pai tamén pintaban. E a influencia da pintura do avó foi fundamental nos primeiros pasos do pequeno Poza, e tamén, agora na súa madurez, pois a arte que bebemos na nenez e na adolescencia, fecha o seu círculo cos anos. Agroma o seu alento cunha forza renovada e distinta. Unha boa biblioteca é como unha illa do tesouro para un neno. Cada libro é un cofre do que xorden milleiros de ideas, alfaias fabulosas que nos adornarán a mente durante o longo transcorrer da nosa existencia. Un libro é un compañeiro eterno. Non te traizoa. Sempre está aí. Xamais cambia a túa relación contigo. Sempre renova os seus votos de fidelidade e non ocupa máis que un pequeno territorio do teu corazón. A biblioteca do pai de Tino cumpriu esa función de illa encantada. Por iso, xa de moi novo comezou a amar a poesía, e xunto co poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, creou no Salvador Madariaga, antes Instituto Masculino, unha revista de poesía. Aquela biblioteca do pai estaba ateigada de libros de pintura. Así que as obras de Picasso, de Klimt ou de Munch comezaron a influír no xeito de pintar dun adolescente Poza, influencias xunto á de Kandinsky que non o abandonarían ata hoxe. Aínda que, a calquera que coñeza a arte figurativa de Tino Poza, non se lles escapa que, sobre todo nos seus retratos, a influencia de Luís Seoane é importantísima. A influencia non só da pintura do xenio galego-arxentino senón tamén da súa personalidade. Porque Celestino, ao igual que Seoane, é un defensor a peito descuberto da interrelación das artes. Gústalle pintar e escribir poemas, pero sobre todo gústalle criar que se propicien encontros entre poetas e pintores, para que xuntos traballen e compartan experiencias artísticas. Agora está expoñendo na galería ARGA en San Andrés, unha colección de cadros baixo o título Escolma de urxencias. Unha ruptura contra a inactividade dos últimos tempos, que racha con forza e cunha aposta polos retratos e polo construtivismo abstracto e paisaxístico. A Tino Poza, que no seu día, foi concelleiro de cultura en Culleredo e deputado de cultura na Deputación da Coruña, preocúpalle que non se apoie a cultura, porque "non é en cultura onde hai que aforrar; o dano que se fai á cidadanía non se constata hoxe, pero se valora cos anos, e pode orixinar un dano terrible". É normal que alguén que desde o seu posto de servidor público fixo todo o posible para que a cultura aflorase no seu concello e na nosa provincia, pense deste xeito e lle cause desacougo os tempos que vivimos. Como é normal que afirme que "da política vou estar afastado aproximadamente uns douscentos anos ou así". Acudan a ver a súa exposición e comprobarán que a aquela illa do tesouro que Tino explorou nos seus primeiros anos como pintor continúa viva e adquiriu co paso do tempo un brillo dourado que fai que as nosas almas resplandezan diante da contemplación da busca da beleza e da harmonía. Todo comezaba os domingos pola mañá.