Cando saltes de alegría, coida de que ninguén che quite a terra baixo dos pés". Topei con esta cita de Stanislaw Lec, que eu pensei que era Satanislaw Lem, o autor polaco de ciencia ficción, autor de Solarise e As aventuras do piloto Pirx, pero cun erro. Pero non, Stanislaw Lec (o barón Stanislaw Jerzy de Tusch-Letz, 1909-1966) tamén era polaco. Os dous Stanislaw naceron en Lviv, ou Lwow ou Lvov ou Lemberg, segundo os idiomas do ocupante, na Galitzia, ese enorme espazo intraeuropeo que foi austrohúngaro, polaco e ucraíno. Os dous eran xudeus e sobreviviron de milagre á barbarie nazi (Lec dándolle ao garda coa pala coa que estaba cavando o burato para ser enterrado nel). Lec foi poeta comunista, guerrilleiro ídem, escritor soviético, cidadán descrido, xudeu e migrante a Israel onde so aguantou dous anos e retornado a Polonia, onde uns non o querían polo seu pasado e outros polo seu presente.

Chamoume a atención a cita porque é o que mellor define o resultado das eleccións do domingo pasado desde o punto de vista de quen cría telas ganadas. E como análise chégame e sóbrame porque desconectei en canto empecei a escoitar as monsergas de sempre. Por un lado foron os medios, como se os que pretenden ir contra a orde establecida tiveran nalgún momento histórico tal apoio (aínda que nesta ocasión tiveron o que outros nunca tiveron) e por outro lado a culpa foi dos vellos, como se os netos pasaran de ir votar porque llelo prohibiron os avós.

O xornalista Marcos Pérez Pena fixo no dixital Praza pública un estudo pormenorizado dos posibles traslados de votos, coas seguintes conclusións: 1. Nos concellos pequenos e rurais, houbo pase de votos do PSOE ao PP. 2. Nas cidades e nas vilas, o PSOE recibiu apoio de antigos votantes de En Marea. 3. Ciudadanos repartiu xenerosamente tanto a PP como a PSOE nas vilas e cidades. 4. Algo do voto do BNG foi a En Marea. Estes fenómenos complétanse co mapa da abstención: a máis poboación, maior caída da participación, e a menor idade media, tamén. É dicir nos lugares e na franxa de idade onde ten forza En Marea. A maiores: onde houbo máis transvase ao PSOE foi nos concellos novos, os que medran, que eran onde En Marea tiña máis predicamento.

En resumo, o PP puxo en marcha a maquinaria de apertar e mobilizou os seus votantes (a participación incluso subiu en concellos pequenos de Ourense e algúns de Lugo) que nas anteriores daban todo por perdido. En Marea/Unidos Podemos non. Para min non foi tanto por esa hemorraxia de alegría e riquiñismo da campaña, que parecía que xa estaba todo feito. Quizais tampouco polo brinco ideolóxico de empezar a usar "patria", "socialdemocracia", "Zapatero" como un mantra deses para reforzar a memoria dos afectados polo alzhéimer. Foi máis pola falta de obxectivos que se evidenciou logo da primeira volta das eleccións, o 20D. Alí viuse o difícil tirando a imposible que era que PSOE e Podemos se entendesen. Que Unidos Podemos superase en apoios aos socialistas -ese era o obxectivo evidente- non ía resolver esa falta de entendemento. Se hai que votar, vótase, pero ir votar por votar é unha parvada, deberon de concluír máis dun millón de electores, especialmente os de marcas e modelos tradicionalmente abstencionistas. L'enferc'est les autres, sempre. Ata que empezan a selo os teus.