Despois dun atentado como o de Niza, non queda moito máis que solidarizarse coas xente próxima ás vítimas e cos sobreviventes, que é algo que supoño que consola, pero sobre todo, facer algo efectivo que si está na nosa man: controlar as reaccións que buscan os que matan ou os que sacan beneficios das masacres e evitar no posible sacar conclusións equivocadas.

Quizais a primeira conclusión errada é que isto é unha guerra. As guerras duran un tempo, moito ou pouco, e rematan con uns que ganan e outros que perden, ou con todos fartos poñéndose de acordo en parar. Este non é o caso. Equiparse cuns kalashnikovs ou con explosivos non debe ser fácil, ou si en determinados ambientes, pero facerse cun vehículo está ao alcance de calquera. O asasino de Niza non necesitou organización nin preparativo, nin siquera precisou roubar o camión ou usar un permiso de conducir falsificado. Ao parecer, as armas que tiña eran todas falsas, quitado o camión e unha pistola, e con ela non atinou a darlle a ninguén. Abondoulle co vehículo para matar 84 persoas e ferir a 188, 48 delas aínda en estado crítico. E tiña antecedentes, pero por delincuencia común e violencia doméstica, estaba en proceso de divorcio e quizais o que fixo, como o animal que os veciños din que era, foi suicidarse asegurándose o aplauso de milleiros de fanáticos. Tanto ten.

O único que se pode facer é minimizar o risco, e para iso hai que potenciar a eficacia dos equipos da policía e da intelixencia especializados nesta ameaza, e evitar que se expanda o caldo de cultivo onde medran estes espécimes: na islamofobia. Outra reacción que busca quen comete estas barbaridades, ademais de ganar o paraíso ou a fama -a loucura ten moitas caras- é meter medo na xente. Non nas súas vítimas directas, a quen o medo tanto lles ten xa, senón no conxunto da poboación. Un obxectivo fácil de acadar, porque o medo é a reacción natural e porque unha cidadanía acovardada e ao tempo furiosa é esencialmente influenciable e completamente disposta a seguir aos Gobernos ata onde a leven (normalmente, a unha guerra de verdade). Por iso os Gobernos falan con terminoloxía bélica e de inimigos exteriores.

Pero os mellores aliados nesa estratexia do medo que convén aos dous bandos enfrontados son os exhibicionistas de a pe, ou sen ánimo de lucro e os exhibicionistas profesionais. Os de a pe son esa xente que se dedicou a gravar cos móbiles vídeos dos cadáveres e dos feridos e a subilos ás redes sociais. Algo que lle agradeceu infinito por un lado imaxino que todo canto comunity manager yihadista hai, dado que eles non tiñan imaxes que difundir. Por outro, todo canto medio hai sen escrúpulos, ou con escrúpulos en diferido, nos que os xefes consideran, e os currantes aplauden, que as vísceras dos demais teñen interese informativo. Algúns, como os voitres en xeral, comen calquera prea, e outros como o crebaosos (Gypaetusbarbatus) teñen unha alimentación especializada: soamente cando se dan dúas condicións. Unha que as vísceras sexan físicas e sanguentas, non os restos de corruptelas éticas ou morais, e outra que as vítimas sexa anónimas, non autoridades ou xente coñecida. Neses casos, a intimidade e a honra está salvagardadas.

Podemos gardar todos os minutos de silencio que queiramos, que non deixará de ser un símbolo. Non pedir vinganza, non ter medo, non darlle publicidade as imaxes da carnicería é frustrar os seus propósitos.