Confésome un auténtico devoto dese método de pagamento mediante o uso do teléfono móbil polo servizo, imposto ou taxa por estacionar na vía pública chamado ORA. Mesmo faría apostolado do tema, se non entendera que para iso está a publicidade, das institucións ou das empresas concesionarias. Pero é unha comodidade. Empezando por non ter que desprazarse ata o vehículo se queres ampliar o aluguer temporal do anaco de calzada, e acabando coa tiranía do sistema tradicional, que obriga a pagar non o tempo que calculas vas aparcar, senón o que corresponda ao cambio que levas. Por non falar do bonito acto de solidariedade de poder ofrecer a outro cidadán o tempo/aluguer de vía pública que ti non usaches, a pesar de que xa non dependes do cambio.

A publicidade insiste no contrario, no de que che pode saír de balde estacionar. Con todo o respecto aos profesionais de e-park -o tal sistema-, un erro. Co asiduo que son, soamente nunha ocasión apañei dez minutos que alguén deixou soltos xa pagos. Ata onte. Ás 12.05, aparquei e fedellei na aplicación para realizar un desembolso de 1,25 euros, ata as 14.00. Ao pouco, miro no móbil que e-park me conta que houbo un erro, e que non se fixo efectivo o pagamento. Ás 12.09 (segundo captura de pantalla que podo amosar aos descridos), solto 1,10 euros que me dan dereito a ocupar un corralito azul ata as 13.54. Noto algo raro: efectivamente, comprara dúas veces o mesmo tempo/dereito a estacionar. A primeira vez non houbera erro. Funme ás oficinas de Setex, que me pillaban de paso. Había un señor diante contando o seu. Poderíallo contar eu tamén, porque o escoitei en diversos formatos narrativos, incluído o dramatizado, durante 15 minutos de reloxo. Para non facelos partícipes do martirio resumireilles que o ente e-park facía uns cobros que non se correspondían coas ordes que o usuario queixoso daba no seu móbil, tal e como lles comentara xa por correo electrónico. O home do mostrador dicíalle que esas cousas dependían de Madrid, e que mellor que fose preparando os recibos bancarios, que llos ían pedir. "Es que ya les dije que en el banco me dicen otras cantidades", retrucaba o prexudicado. "Ya, pero por eso tiene que mandar los recibos. Les hace una foto...". "Bueno, lo que viene en los recibos ya se lo puse en el mail..."

Iso da brecha dixital non existe: hai xente de idade que se manexa cun móbil, pero non diante dun mostrador. A este en concreto non sabía se matalo ou explicarlle eu o dos recibos. E todo por 1,10 euros. Ou 1,25. Ou a ver, porque cando mirei a pantalla había unha notificación que me informaba que non podía proceder a aumentar o tempo de estancia. Si, ho, o que me faltaba. Ensineillo ao do mostrador en canto deu desaloxado ao da brecha presencial. "Xa, é que cando pasan máis de catro minutos, a aplicación...". "Pasaron catro xustos. E a aplicación sabe que non podo prolongar a estancia, e non se estou pagando dúas veces pola mesma matrícula no mesmo tempo?". "Ben, iso depende de Madrid..."

Vaia. Eu pensei que pasaran os tempos de: es lo que nos dicen en Madrid. Que tiñamos superado o de botarlle a culpa a: no van los ordenadores. E que estabamos plenamente afianzados no: es que se cayó el sistema/debe haber una incidencia general. E resulta que volvemos ao que depende de Madrid. Xa saben. O que ceibou case 90 minutos de ORA -non sei se da de 1,25 ou da de 1,10- onte a mediodía fun eu.