Seguimos asombrados polos atentados que sacoden Europa desde hai semanas. E pouco nos acordamos dos que sacoden Asia ou África desde hai o mesmo período de tempo. Mais de oitenta persoas foron asasinados en Afganistán por unha rama do Estado Islámico que quere desbancar aos talibáns na loita por controlar o poder do terror que golpea ao país.

Outro tanto ocorre con Kenia, onde foron masacrados máis de cen estudantes no campus dunha universidade. A nós son mortes que nos quedan máis lonxe que as de Alemaña ou Francia, pero son mortes igualmente, e son seres humanos tan valiosos como os franceses ou os alemáns.

Trátase de pequenos erros de enfoque dunha gravidade alarmante. Do mesmo xeito que non vexo ningún artigo, nin ningún lema solidario que rece Je suis Jacques, lembrando así ao sacerdote degolado en Normandía, como no seu día se creou o Je suis Charlie para honrar aos humoristas asasinados en París.

A vida dun clérigo ten o mesmo valor que a dun artista. Un novo desenfoque. Mentres Francia se enche de policías e reservistas para protexerse dos yihadistas, os ministros de defensa e interior galos continúan pelexados, e o de xustiza failles a cama a ambos. Tres ministros que non se falan e un presidente da República que gasta dez mil euros ao mes nun perruqueiro. Non parece só un erro de desenfoque, senón máis ben unha astracanada propia dunha clase política frívola que aínda non asumiu que está en guerra por moitas proclamas que Hollande pronuncie ao respecto.

E por aquí, pois tamén andamos desenfocados. Empeñados en desculpar o indesculpable. Os nosos políticos só ven a palla no ollo alleo, pero non son quen de vela no propio. Que Obama dixera que o único problema da candidata á presidencia polos demócratas é que "a Hillary lle falta ese cheiro a coche novo", non só é machista, senón que é unha vulgaridade. Tanto ten que Obama sexa demócrata. Aí errou e a súa ideoloxía non exculpa as súas palabras.

Outro tanto sucede con Pablo Iglesias cando di que azoutaría á xornalista Mariló Montero ata que sangrase. Que Mariló non sexa fariña do meu costal e que teña unha pésima prensa entre os compañeiros de profesión e que sexa a viva imaxe da presunción e das meteduras de pata como presentadora, tampouco exculpa ao líder de Podemos das súas palabras. Como tampouco o exculpa o feito que fosen pronunciadas nunha conversa privada. Se non somos machistas en público, non debemos selo en privado. Pablo e Barack tamén caeron nun erro de enfoque. E logo está o gran desenfoque que sufre o presidente en funcións. Imos ver, se o xefe do Estado lle encarga ir a unha investidura e vostede acepta, pois ten que ir. Non valen as dúbidas e as indecisións, ten que ir e punto. Aínda que non lle guste, aínda que saiba que vai a levar unha morea de labazadas dialécticas. Ás veces Mariano Rajoy fai que me lembre dunha frase maravillosa de Eugenio D'Ors: "¿Está claro? ¿Sí? Pues vamos a obscurecerlo". O que ten que facer, presidente, está moi claro. Non nos escureza as próximas a semanas. Será peor para todos e, se cadra, tamén para o seu partido. Neste caso, prudencia coa prudencia. Non nos vaia a desenfocar a todos.