Ser vello sempre foi unha tarefa difícil. Certo é que se non tes demencia senil ou calquera das súas variables, nos últimos anos da súa existencia as persoas adquiren unha temperanza e unha capacidade de reflexión que en idades anteriores non posuían. Tampouco isto é unha máxima.

Porque hai xente anciá que segue sendo tan túzara, torpe e maleducada como o foi durante toda a súa vida. Pero ser novo, tampouco é unha tarefa doada; nunca o foi. No nome da excelencia, da eficiencia e da competitividade, aos mozos e mozas deste país, pídeselles que logo de rematar os seus estudos, realicen un curso superior, un máster, un cursiño de especialización ou varios cursiños de materias relacionadas cos estudos que cursou. Así os manteñen entretidos. Acaban a súa formación sobre os 28 ou 30 anos. É normal. Pasaron seis anos desde que remataron a súa carreira, pero as expectativas de atopar choio son as mesmas que antes de facer todos eses estudos especializados. Porque a cousa é que non hai traballo. Esíxelles acadar un alto grado de preparación para un país, que non ten un alto grado de emprego, e máis, e que non ten un alto grado de preparación nos seus empresarios, nin nas súas empresas. Os pais cren no discurso que se lles vende desde os gobernos, e non paran de pagarlles novos cursos aos seus fillos. Deste xeito, proxenitores e vástagos contribúen ao non movemento do mercado. Isto é como do IVE cultural.

Temos o máis alto de Europa. O que significaría que temos a sociedade máis culta e con maior capacidade económica para acceder á cultura de Europa. Pero non é así. Lembro, cando nos escandalizábamos porque en Cuba un enxeñeiro acababa preferindo traballar de porteiro nun hotel porque triplicaba o seu soldo a exercer a súa vocación. Pois ben, hoxe, aquí, estou vendo a licenciados en múltiples carreiras facendo todo tipo de traballos que non teñen que ver coa súa vocación.

Por outra banda, ese estado non acaba de incentivar aos empresarios para criar emprego. E todos sabemos que hai moitas maneiras de incentivar o emprego, sen que estas pasen por abaratar o despido. Antes había máis traballos indefinidos que temporais, porque era moi caro despedir.

Agora está tirado. Con este panorama sería boa cousa que os avós axudasen aos netos a encontrar a forza necesaria para este combate tan complexo de atopar emprego. Que pensen por un instante menos na súa pensión, que teñen que facelo, pero non como un karma que se repita as 24 horas do día, e miren algo polo incerto futuro dos que veñen tras eles que, probablemente, non gocen de pensións. Non falo de axuda económica, senón de axuda emocional.

Porque moitas veces, os fillos, non atopan nin nos seus pais, nin nos seus amigos, as palabras axeitadas para iniciar a resistencia contra o desalento. Se vostedes son persoas maiores, pero non son torpes, nin túzaros, nin maleducados, axuden coa súa capacidade de reflexión e de temperanza aos seus netos e aos mozos e mozas do seu entorno. O Estado non o vai facer e é posible que, os pais, tampouco o fagan. Non porque non queiran, senón porque a eles tamén lles ensinaron a compararse, e queren ver nos seus fillos, parte do seu pensamento, da súa obra. O único que deberían desexar uns pais aos seus fillos é que vivan mellor do que viviron eles e que sexan boas persoas. Con iso é suficiente. O mundo seguirá rodando tranquilo se eses dous desexos se cumpren.