No vivir do día a día, hai momentos que se encontran vacíos de contido porque están fóra dos tempos de ocupación rutinaria. Un anaco dese lecer debe tratarse pedagóxicamente porque é necesaria para crecer como ser humano. Gozar da ansia de formarse para posuír un grao concreto para exercer a condición de cidadanía é unha obriga persoal, mais tamén política. E cando se fala así, preténdese dicir que, en tales momentos de vagar, unha porción dese asueto debera comprometerse como tempo educativo, de alfabetización permanente. Segundo os sabios que foron e que son, hai que desenvolver unhas aprendizaxes que se adquiren de forma fluída no contexto do ocio e que poidan enriquecer a cualidade cultural e educativa dentro dunha oferta non contemplada nos campos académicos, mercantís e de consumo. Tal cualificación esixe condicións específicas e contextos que axuden á veciñanza a ter ferramentas múltiples para non "estar na lúa", para manexarse civicamente pola cidade e enfrontarse ás incertidumes dunha sociedade moi cambiante.

Así que, non só consiste no "sálvese quen poida" ou de ofrecer recursos públicos para organizar unha oferta sociocultural dende un ánimo de voluntariedade e con criterios de activismo; a pretensión política pretenderá un ocio humanista que facilite instrumentos, á cidadanía do seu territorio, para expresarse libremente e para favorecer vivencias artísticas, motrices, deportivas, estéticas, lúdicas... sen exclusión.

Teremos que esforzarnos na procura da saúde mental, física e social da veciñanza. Porén, precisamos apeiros que fomenten unha comunidade crítica, reflexiva, activa e con actitudes e comportamentos baseados en valores universais libremente asumidos. Iso de aprender civilidade é algo que, como dícian os entregos, hai que practicar ata morrer.

Hai que implementar programas socioculturais coa axuda do voluntariado. Mais hai que profesionalizar os programas. O xa falado, servirá para que, educadores e técnicos, garantan, cunha formación específica, un rigor na programación das accións, un contido idóneo ás sesións prácticas e un clima favorecedor dun ocio enriquecedor.

Se reivindica vontade política para axuntar a función social e a función de mercado. Xestionar programas non pode circunscribirse a servizos contemplados nos sectores mercantís que atenden ao ben público. Todo ten límites.

As características senlleiras que posúen algunhas actuacións (propostas culturalmente innovadoras, actuacións de creación de demanda cultural, programas redistributivos de cultura, intervención específica en espazos urbanos, uso de recursos educativos, culturais e deportivos da cidade, desenvolvemento da educación cívica, utilización de profesionais especialistas en temas singulares...) require da participación civil, sen ánimo de lucro. Precísase dunha colaboración responsable de todas as asociacións da cidade para que asuman a xestión cívica da urbe porque non se trata de municipalizar, sen máis. E, para todo isto, necesítase a coraxe política para apostar nesa dirección.

Eis posibles ideas para dar protagonismo a un tercer sector que hai que fortalecer para crear estruturas de xestión e de cualificación técnica. Hai que superar o servilismo da subvención pública para xestionar por obxectivos comúns coas entidades.

As cuestións tratadas aquí, tiveron, na cidade da Coruña, un espazo posible nalgún territorio durante os gobernos do PSOE e na coalición daquel co BNG. Creo que faltou valentía para xeralizalas, correxir erros e proseguir no empeño de asegurar ata os alicerces. O goberno municipal do PP, co alcalde Negreira, tivo a certeza de que tiña que desfacer o edificado. Privatizou programas e maltratou, ata onde puido, a quenes axudaron, participadamente, a levantar parte duns muros erguidos, ao longo dos anos. Ao pesar dos populares, sempre hai algún barco que resiste.

Aos que chegaron ata aquí, simplemente pola curiosidade do título, fálolles de realidades na nosa existencia dende a infancia e ao longo do noso habitar en calquera lugar. Coñeceredes así algunha razón, de andar doméstico, para saber a quen non vou votar nas vindeiras eleccións autonómicas e outras que veñan: ao Partido Popular. E os outros xa citados, que esperten! Están na hora. A marea chega e, irremediablemente, vai ocupar parte do areal. Os que anden despistados vanse mollar e terán que voltar, á onde queiran ir, enchoupados.