O ruído

26.09.2016 | 00:27
O ruído

Estes días lembreime de Novoneyra, dun dos seus versos e dunha anécdota radiofónica. Lembreime del polo ruído que nas nosas vidas entrou con forza nas últimas dúas semanas.

Aínda que hai que recoñecer que esta última campaña electoral foi das menos molestas en contaminación acústica para a cidadanía. Con todo, é inevitable oír o estrondo dos políticos. Por iso aquel verso todo bruído sen nome é un agoiro tomou un significado meridiano para min nos pasados días. Tamén lembrei ao poeta do Caurel, cando escoitei a moitos e moitas dos nosos políticos insistir na idea de chamarnos a formar parte da súa tribo ideolóxica. Unha cousa é o que votas, e outra cousa é pertencer a unha tribo. Porque as tribos tenden á uniformidade, e o distinto séntese extraño nese territorio.

Por iso, veume tamén á cabeza unha entrevista que lles fixeron a Cuña Novás, Manuel María e Uxío Novoneyra no programa El loco de la colina. O conductor do espazo, comentoulle a Novoneyra: "Sei que vostede, coma min, vive nunha colina? -Desculpe, señor, non, eu vivo nunha montaña". A resposta de Uxío só tentaba deixar claro que ambos eran distintos. É posible que a el loco, sei que é así, lle gustase a poesía, ao igual que a Novoneyra, pero ambos non habitaban na mesma tribo. Antes de regresar ao ruído, quero desexar desde esta columna, toda a sorte do mundo aos contendentes nestas eleccións ao parlamento de Galicia. Cando lean isto xa se coñecerán os resultados, pero cando eu o escribo, aínda non fun votar. Pero, volvamos ao bruído sen nome. O balbordo político destes días trouxome á cabeza a descripción de cómo era a ruidosa Roma hai vinte séculos. Para iso recurro a Décimo Junio Juvenal, poeta latino do século I e II d.C. Autor de dezaséis Sátiras. Do seu inxenio xurdiron expresión que aínda permanecen vivas entre nós dous mil anos despois: panen et circenses (pan e circo), rara avis (ave pouco común) en referenza ás esposas perfectas, tan escasas como un cisne negro, ou sed quid custodiet ipsos custodes? (quen vixilará aos vixilantes?). Si, recordei aquel parágrafo que sempre me producíu tanto xúbilo: "A min, cando o tumulto que me precede é un obstáculo para ás miñas presas, a xente apresurada que me segue aplástame os riles. Un dáme un empurrón, outro golpéxame bruscamente cunha viga. De súpeto, alguén pégame na cabeza cun madeiro? As miñas pernas están cubertas de lama pringosa.

Unhas botas pesadas de soldado písanme o pé e un dos seus cravos, cravase no meu dedo gordo? Por non falar dos perigos aos que se expón un durante a noite? cantas ánforas de barro, rotas ou desportilladas caen das fiestras? Hai que ser moi neglixente para saír a cear sen ter feito testamento: tan seguro é que o que sae á rúa encontra tantos perigos de morte como fiestras abertas hai na noite nos cuartos onde non se durme". Hoxe, todo volverá á normalidade. Esperemos que nos gobernen ben, e non nos cansen moito coas súas proclamas, porque os nosos oídos precisan de descanso durante unha tempada.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine