O labirinto do alquimista

A aldea de Borneiro, compendio da Historia galega

02.10.2016 | 03:02
A aldea de Borneiro, compendio da Historia galega

Hai lugares cara aos que nos arrastra ese espírito santo que é ansia de saber. Iso sentía o romántico bardo Eduardo Pondal dende o seu caserón natal nas ribeiras do Anllóns. Bergantiños, herdeiro de Brigantia, beiramar de labirínticos chanzos, cubertos de millo, escenarios de traballo pra homes e mulleres cubertas con pano e brincos de ouro nas orellas, enloitadas, na esfolla, no debullar do millo e noutrora no fiadeiro, ollando cara ao atlántico. De acentos esbarradizos, apropiados pra regueifa e cantares con pandeiro, coa morriña de emigrantes por todos os mares e encrucilladas.

Terras estudadas polo meu amigo Xosé María Lema Suárez, do que aquí nos valemos. O Chan de Borneiro pertence ao concello de Cabana de Bergantiños, arciprestazgo de Soneira. Por un documento do ano 1095 sabemos que daquela Burnario est in territorio subnario prope litore maris esto é Soneira (sub-Neria), borde da enseada de Canduas, entre Corme e Laxe, a carón do mítico Monte Branco. Terra de augas, que, como o seu topónimo indica, propicia pro millo branco, ou alburnum, do que se fai a broa. De lameiros e carballeiras nas que grallan os feros corvos. Chaira sobre a que, de sempre, se erguen altares, megalitos, pórticos de misterios. Auténtico "confín dos verdes castros", misión pra homiños cristianizadores, tamén de soberbios fidalgos e clero, construtores de torres e templos. Nación de artesáns, de aventureiros a filosofar... Borneiro abeira vellos camiños, acompañados de cruceiros, algúns deles cruces viradoiras, pra orientar aos bos ventos, debuxadas por Castelao. Cotián viacrucis pra arrieiros xalleiráns e moinantes, por onde aínda perdura a memoria do paso de Pondal, a cabalo, camiño de Nemiña, ás pasantías de latíns do tío cura... E, como non, parroquia con patrón no San Xoán, das augas e das cachelas de lume que abren ao solsticio de verán. Cos lugares de o Briño, Dombate, Fontefría, a Gándara, Regueira, Vilaseco e Vista Alegre.

Chan sobre a que asoma a altiva a osamenta pétrea do dolmen de Dombate, así o cantou Pondal no 1895. Para os paisanos era a "Fornela de Vilaseco", onde mesmo puidera estar a orixe do seu topónimo (Dominus abbatis), en relación co acubillo pra un ermitán coa súa misión de facer da Nai Venus Virxe das Virtudes, ofrecendo remedios pra curar, cultivar, construír... bases para un primitivo mosteiro bieito, o de Vilanova, que chegou a depender de Moraime, escola de príncipes. Polo 1745 pasa por aquí o Padre Sarmiento e conta que en Canduas viu unha campa inscrita e que lle dixeron procedía do mosteiro de Borneiro...

Dombate atrae a curiosidade de sabios como Murguía, os Parga Pondal, López Cuevillas, Leisner, García Martinez, Shee Twohig e a final dos nosos oitenta dos arqueólogos Bello Dieguez e máis recentemente de Lestón Gómez que o estudaron, coa posta en valor pola Deputación da Coruña, a súa propietaria. Monumento construído sobre outro máis pequeno e antigo, ambos coa súa coiraza que iría cuberta coa mámoa, circunscrita por unha enigmática gabia. Na entrada do corredor, o que permite a entrada na cámara da morte da luz alboreira, atopouse unha restra de ídolos en pedra. Mais a particularidade do monumento son as gravados e as pinturas do interior, festonados vermellos e negros sobre imprimación branca que nos remiten á cestería. Monumento datado polo 3800 a.C. reutilizado polo 2500 a.C. o final do Neolítico, o Megalitismo, cando os grupos de "domesticadores" se xerarquizan. Xacemento dende o noso 2010 amparado baixo unha gran carcasa de madeira e vidro, deseño do arquitecto Francisco Vidal Pérez. Con espazos didácticos onde o neodolmen e a reprodución dos achados que conformaban o enxoval permiten a mellor comprensión: machados de pedra puída, doas, puntas de frecha... os orixinais atópanse no Arqueolóxico da Coruña. O polígrafo coruñés César Antonio Molina en Todo se arregla caminando dedica un sentido capítulo a este conxugar de tempos.

A secuencia Prehistórica continúa na parroquia coa cista da Idade do Cobre, o 2.000 a. C, atopada no lugar de Insua e hoxe no Museo Arqueolóxico da Coruña. Estrutura de laxes decoradas en zig-zags, para un enterramento de inhumación en crequenas.

Borneiro sempre nos dirixe á croa do castro, espiral de foxos e terrapléns entre os que aniña o tempo, auditorio natural pra escoitar aos "rumorosos de escume arume arpado". Xacemento nos anos modernistas dado a coñecer por Salvador Parga Pondal e Pérez Bustamante, daquela escavado por Sebastián García-Paz e logo, a finais dos sesenta por Xorxe Xoán Eiroa e nos oitenta por Ana Romero Masiá. Asentamento posiblemente vinculado á explotación do ferro, do século VI a. C ao II d.C. Habitat cuberto na maior parte por pallozas circulares, coas súas lareiras, cubertas por conos de palla... Interesantes na entrada a estrutura dun "monumento tipo sauna", necesario pra hixiene dos que entraban nesta gens ou grupo familiar. No Museo Arqueolóxico da Coruña móstranse os achados aparecidos.

Sobre a aldea campa a parroquial, refeita no século XVI e nos finais do XVIII rematada no sc. XX baixo a dirección de Tomás de Castro a capela maior, a bóveda e a sancristía. O retablo é mostra da obra dos santeiros locais do XVIII, os Martínez, con produción por toda Soneira e máis alá: Xoán Antonio, o seu fillo Ignacio, así como a imaxe do Socorro, é de Xan, o neto ... e sigue a saga en Agostiño Martínez Ribera...

Os predios dos señores das Torres do Allo en Zás, os Rioboo, esténdense até Borneiro... levan ao Briño, con carballeira, braña e fonte milagreira, que celebra romaría cada 18 de xullo en honra da Virxe das Virtudes a que pola metade do século XVIII comparte coa confraría do Carme. Templo do século XVI, no que continuaron as obras xornaleiros canteiros de Pazo de Tines, en Vimianzo. Solemne fachada do imaxineiro Domingos Martinez, tal como consta en epígrafe .No interior con imaxes dos borneiráns Martinez, de Xoán Antonio é a imaxe das Virtudes.

O paso de Xoaquín Lorenzo quedou constatado en Notas Etnográficas da Parroquia de Borneiro para publicar no 1936, nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos: a casa, a vida , o mobiliario, os adornos. A cultura como recurso sobre o que seguir.

Paisaxes e paisanaxes idealizados nas pinturas naif de Manuel do Monte, Manuel Lema Otero (1916-1991), borneirán profundador, inventor, un espontáneo Chagall noso, que deixara testemuño do vivido: a aldea, as festas... e do Fronte do Ebro, no 1981 Premio internacional de pintura naif da Fundación Barrié de La Maza.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine