Pois si, préstame o retrato de Paco Vázquez na galería de alcaldes de María Pita. Recoñezo que si, que lle vexo algo. Non no artístico, que non me meto, senón no simbólico representativo, que é do que se trata. E sei que vou a contra man. Desde que este xornal difundiu a imaxe do cadro, incendiouse internet (de onde sacarían iso de "incendiar" internet?) a conta dela. O curioso é que, dicindo como dixo moitas veces o retratado, que o máis importante que se podía ser era alcalde da súa cidade, en vez de aparecer á par de María Pita coa lanza, ou no medio do paseo marítimo, Francisco Vázquez móstrase vestido de embaixador vaticano, un cargo de relumbrón, quen o nega, pero que a verdade ocupou un pouco malgrélui (un pouco empuxado, vaia).

Obviamente, un uniforme viste moito, e soluciona unha chea de problemas de dress code en situacións formais, como vodas, bautizos e primeiras comuñóns (nos dous últimos casos, sempre que non sexas o protagonista). Mesmo os xornalistas tivemos, nos primeiros anos do franquismo, un uniforme deseñado pola autoridade competente, o delegado nacional de Prensa, que viña sendo, din, de cor gris e con gorra de prato (o uniforme, e probablemente o delegado nacional de Prensa tamén). Indo ao noso. Por que me gusta o cadro? As galerías de alcaldes están para meter, non digo medo, pero si respecto. Non discuto que non os haxa con cara de boas persoas, pero eu non pasaría tranquilo unha noite no medio dunha sala con todos eses próceres mirando cara min, derramando potestas, autorictas, a carros e carrectas. Son xente que está posando para a Historia, non coma eses rexedores de pobos e vilas dos que malamente hai unha foto en sepia, probablemente a única que lle sacaron na vida.

E así, mentres o de Domingos Merino é unha cousa medio hippy na que o home aparece como encanastrado nun xadrez, e Javier Losada parece que vai baixar da parede a saudar, o de Vázquez ten empaque e tronío. Un aire, salvadas todas distancias, con aquel retrato que lle fixo Goya a Fernando VII diante dun campamento (ou o do duque de San Carlos) con semellantes dourados e pasamanerías e os sombreiros bicornes enristrados, aínda que Fernando VII era considerablemente peor mozo, e peor xente que Paco (posiblemente das persoas máis infames que tiveron mando en España, e mira que hai competencia). Tamén asemella aos dos militares diversos do século XIX que cando non facían un "pronunciamiento", sufríano (e hai quen di que cos xenerais do Ulla, os do Entroido). Anque tampouco a postura e a mirada do exalcalde son excesivamente marciais como para parecer un deses xenerais, do XIX ou do Ulla. Se se fixan, a patricia cabeza de alcalde xa veterano parece que vai ao seu aire, como implantada no brioso corpo do inspector de traballo deputado do PSOE no primeiro parlamento autonómico, embutido, iso si, no traxe de almirante da mar océana vaticana, con toda a arboradura de condecoracións despregada. O autor do retrato, Salvador Cidoncha, xustificaba a elección porque "Vázquez se siente orgulloso de su vida y de su historia". Saíulle mallado.