Onte vivimos un cambio, estamos pasando o poder ao pobo. Ata onte Washington florecía pero o pobo non compartía esa riqueza. O establishment protexíase a si mesmo e non aos cidadáns. Todo isto cambiou xusto agora, este momento é o voso momento... O que de verdade importa é que o noso goberno estea controlado polo pobo. O 20 de xaneiro de 2017 será recordado como o día no que "o pobo volveu controlar esta nación". Chávez? Evo Morales?, Pablo Iglesias ensaiando diante do espello? Non. Donald John Trump falándolle ao mundo e perante case un millón de persoas, así e todo a metade das que xuntou Obama, -mentres eu escribo isto- mentres toma posesión como presidente número 45 dos Estados Unidos de América. "Imos acabar por completo co terrorismo". "Temos que pensar ao grande, non imos aceptar políticos que só falen pero non actúen. O tempo das mensaxes baleiras acabou, é o momento de pasar á acción".

Aquí diría iso de que vin cousas que nunca creriades, atacar naves en chamas máis alá de Orión, etc., pero non é certo. Vénse e escóitanse cousas parecidas -falo do discurso, non do acto- todos os días. Nos animadores das tómbolas, nos mitins nas casas da cultura nas campañas municipais, nas roldas de prensa despois dos partidos, nos guións das películas de Van Damme, no confesionario de GH, se é que sigue habendo tal cousa... Xente que di o que o quere oír quen o escoita, cun ton serio como se o fose facer.

O que non acabo de entender é por que ese fenómeno que encarna Trump, ou quen o votou, que como eses outros que son o triunfo do Brexit ou a previsible vitoria do lepenismo, son parte da positiva contestación ao neoliberalismo. Obviamente, son a expresión dun mosqueo por parte dun sector importante da poboación (nin siquera a maioritaria en EEUU, non só polos catro millóns de votos menos que sacou o vencedor, senón polo índice de impopularidade coa que se estrea). Un sector, social e xeográfico, que tradicionalmente, en Europa e nos EEUU, eran un bastión progresista. Pero que Trump, o UKIP ou Marine Le Pen identifique o seu problema e lles fale del non quere dicir que llelo vaia resolver. Como dea tantos detalles como co de acabar co terrorismo... Ou se llo resolve vai ser a costa de crear outros maiores.

Os últimos en axitar ese descontento, aproveitarse de exército de parados con difusas proclamas ao pobo, foron uns tipos con uniforme en Alemaña e Italia, e noutros sitios de Europa, a mediados dos anos 30 do século pasado. Si é certo que acabaron co desemprego por uns anos. (Incluso as alianzas do xa presidente norteamericano coa extrema dereita europea e con Rusia parecen unha reedición chusca do pacto xermano-soviético). E nin daquela, nin máis recentemente despois de Thatcher ou Reagan veu alternativa de esquerdas ningunha, senón algo descafeinado. Non sei por que á reacción a Trump ten por que suscitar máis expectativas. Máis que na esperanza que puido espertar, o de Trump explícase en parte (só en parte) grazas aos medios que el deostaba: cada vez que abría a boca, mesmo para arrotar, abría os informativos. Se pensas que ninguén vai resolver os problemas, votas polo que anuncia a televisión.