Tanto é quen dá como o que toma, diciamos de rapaces -en linguaxe algo máis groseira- para dar por sentado que a orde de factores non altera o produto. Non obstante, iso non é certo na vida real. Non somos iguais ante a lei, por moito que tal cousa se declarara no mundo civilizado en data tan remota como finais do século XVIII, e se fora afianzando desde entón, ata configurar un dos piares no noso sistema de permanente. Por moito que se diga non somos iguais. Non xa é aquilo que se lle atribúe a Mahatma Ghandi de que a xustiza é como as cobras, que só pica aos que van descalzos, senón que dentro dos calzados, afecta a uns e a outros non.

Temos o exemplo do que se chamou rescate das caixas de aforro, que en realidade foi un espolio de milleiros de millóns de euros de cartos alí depositados por emigrantes, vellos pensionistas e mozos que daban gardado algo das primeiras nóminas. Todo ese diñeiro foi compensado con cartos de todos, e de todos os directivos que de Alxeciras a Ortegal foron responsables da desfeita soamente entraron en prisión, e por pouco tempo máis que o dunha xornada de portas abertas, catro directivos de NovaCaixaGalicia, rama Caixa Nova. Pero sobre todo está o caso dunha das meirandes tramas de suposta corrupción, a Gürtel. Un dos principais imputados, Francisco Correa, acaba de dicir na vista oral, ratificando anteriores declaracións, que houbo X e Y representantes de empresas do sector da construción, que deron comisións de arredor do 30%. Non é nada novo, e xa na instrución do caso Bárcenas saíra a relucir algo parecido, que había sociedades concesionarias de obra pública que gratificaban con cantidades de diñeiro non precisamente pequenas o feito de seren elas as elixidas. Pois ben, mentres o xuízo contra os presuntos cargos políticos segueu o seu curso, nada se sabe dos cómplices necesarios dos presuntos delitos, os que puxeron os cartos. Ningún dos empresarios citados como subornadores está imputado. E xa sei que está feo sinalar co dedo, pero ata Homer Simpson dicía, con toda a razón, de que para mentir fan falta dúas persoas, unha que fale e outra que escoite. Se non hai quen proporcione os cartos, ninguén se anima a favorecer empresas pola cara.

A pesar diso, e fóra os directivos de NovaCaixaGalicia condenados por concederse retiros de luxo, ningún dos sinalados co dedo como colaboradores necesarios dun presunto delito padece a máis leve molestia xudicial. España debe ser dos poucos países do mundo onde iso pasa, porque nos EEUU foron á cadea varios financeiros por delitos así. Aquí, a investigación sobre 22 empresarios que aparecían como donantes do PP nos papeles de Bárcenas fora arquivada porque os investigados desmentiran que fixeran tal cousa. E debe ser que entre xente fina a palabra chega e sobra. Soamente ao declarar Francisco Correa que, efectivamente, había cartos polo medio, e nada menos que da man de xente como Villar Mir e Florentino Pérez, cando se escoitan voces pedindo reabrir o caso. De todas formas, non haxa medo. Aquí os únicos próceres que acabaron en prisión eran outsiders e antisistemas de orde como Mario Conde ou Ruiz Mateos. Como dicía Bertolt Brecht, moitos xuíces son incorruptibles, ninguén pode inducilos a facer xustiza.