Acabo de coñecer que a xuíza que leva o caso do youtuber que lle deu a un indixente galletas Oreo recheas de dentífrico acaba de deixalo ceibo cunha fianza de 2.000 euros mentres non remate a instrución do sumario. O youtuber, de 19 anos que na súa canle de vídeo se chama ReSet e na vida analóxica Kan-Hua Ren, está imputado por un delito contra a integridade moral, a causa dunha denuncia da policía municipal de Barcelona, ratificada despois polo mendigo obxecto da broma. ReSet saíu do xulgado tapando a cara, o que non deixa de ser pavero en quen ten arredor dun millón de seguidores na rede social de vídeos. Como se a vida dixital non tivese relación ningunha coa analóxica, e as cousas que fas con seres humanos de verdade no audiovisual non tivesen consecuencias na vida real. "Supongo que no pienso en las consecuencias", recoñeceu el mesmo. "En el futuro pensaré un poco más antes de hacer ciertas cosas o seguiré igual de tonto como ahora. Tengo 19 años y mi mente no es la de uno de 30 o 40 años".

Ten o seu aquel que se acolla ao argumento dos seus tenros 19 aniños, como se a esa idade para escoller entre o ben e o mal houbese que tirar unha moeda ao aire. A eses anos xa está máis que estreada a maioría de idade legal, mesmo o dereito a voto, e todos os imperios se conquistaron ou se perderon sobre a sangue o os ósos de guerreiros de 19 anos e menos. Igual que aquel outro parvo que se estrañou de apañar unha labazada dunha das persoas ás que andaba insultando pola rúa. YouTube está agora cheo de nenos que fan o truco das galletas, aínda que, prudentemente, danllas polo xeral a familia e amigos. Pero que se lle vai esixir a uns rapaces, por grandiños que sexan, subidos no poleiro de ser uns celebrities, se hai programas matutinos de radio de certo éxito baseados na suposta gracia de levar ao límite da desesperación en directo a un cidadán.

Vén sendo o mesmo caso dunha rapaza, esta británica, á que en 2013, cando tiña 17 anos, tocoulle máis dun millón de libras na lotería. A moza, Jane Park, fixo o que din os anuncios que queremos facer: deu unhas voltas ao mundo, mercou un coche, un par de casas, someteuse a unhas operacións estéticas... o normal nestes casos, vaia. E como na lotería da Gran Bretaña podes escoller no formulario se queres ser anónimo ou non, ela marcou que non, e comezou unha carreira tipo Kardashian nas redes sociais. Pasaron catro anos, e Jane está estresada. Non atopa o seu lugar no mundo, non sabe se os homes se lle achegan por ela ou polos seus cartos... Tan farta está que colleu un traballo nun fish&chips. Pero ela, claro non tivo a culpa do que lle pasou, e está pensando en demandar ao organismo de loterías porque non deberían darlle cartos a alguén tan novo (algo que lle dixo a súa avoa, sen moito resultado). O organismo asegura que teñen un servizo de asesoramento de investimentos para ganadores, e que púidoo telo usado. Xa que non seguiu o consello da avoa, podía seguir aquel do escritor Jules Renard: "Se o diñeiro no che dá a felicidade, devólveo".