Supoño que saben o chiste aquel da vella que chama toda indignada á policía porque hai un home que se exhibe espido no piso de enfronte. "Señora, non se ve nada", dinlle os axentes á acalorada denunciante despois de mirar pola ventá. "Así claro que non, pero se se suben a esta banqueta, vése ben". Isto foi o primeiro que se me veu á cabeza cando escoitei o da imputación de José Manuel Sande polo cartel de Entroido co debuxo dun choqueiro en papamóbil. O primeiro despois de asegurarme de que a cousa ía en serio, e que efectivamente, un xuíz, ou xuíza, no que non deixa de ser outra entroidada, tomou en consideración a denuncia da Asociación de Viudas de Lugo contra o concelleiro de Culturas da Coruña. Veume á cabeza porque, en base a que as viúvas de Lugo ven feridos os seus sentimentos relixiosos por un cartel que anda nas rúas e nos bares dunha cidade a un cento de kilómetros? Pois porque hai moita xente, ou a suficiente, con espírito e vocación de banqueta.

Espírito de banqueta ten o arcebispado de Santiago, que como neste mundo escasean as miserias e os miserables que criticar, claman contra a ignominia que supón un debuxo case infantil. Iso mentres todos os anos, por estas datas, enchen as vías públicas de desfiles procesionais nas que se exhibe con todo realismo -ou iso pretenden- figuras humanas torturadas e semiespidas. A ver se o ano que vén o Ministerio de Defensa non denuncia os xenerais do Ulla por ferir os sentimentos militares da xente con eses disfraces. Espírito de estrado ("plataforma plana construída nunha sala, cuarto, etc., máis elevada ca o chan, sobre a que se coloca algo ou alguén que se quere destacar en determinadas cerimonias ou actos solemnes", di a primeira e máis benévola acepción do dicionario da RAG) teñen eses estamentos xudiciais que saben perfectamente, ou deberían saber, que nesta contorna só algo así se considera delito en Turquía e nalgún dos países do Este con tan pouca tradición democrática coma este. Sábeno, ou deberíano saber, pero mentres dura a instrución (que hai que instruír ou investigar?, a profundidade e extensión das feridas causadas nos sentimentos relixiosos?, nos de quen e cantos?) o insolente purga a súa vergonza. Ou dimite. Ou pasa un tempiño en chirona.

E espírito e vocación non xa de banqueta, senón de mastaba exipcia, ten o PP neste asunto. Fóra a dimensión política deste despropósito, se a crítica a unha xestión municipal se fai con estes vimbios, ou o discurso ético do partido do goberno se constrúe con zarapalladas deste calibre (que diría o fenecido presidente fundador), estamos todos aviados. Finalmente, enriba de todos os pedestais, soportes e peañas nas que as puxeron, o papel máis estrafalario e chusco é o da Asociación de Viudas de Lugo (a todo isto, que viúvas?, cantas? De todas as señoras que coñezo nesa condición en Lugo, e coñezo unha chea, empezando por mi señora madre, ningunha pertence á tal Asociación). A presidenta, a viúva raíña, poderíamos dicir, dixo que ela "perdonaba" a Sande, pero que non retiraba a denuncia porque había que dar "un escarmiento". É dicir, ela é unha boa persoa, pero quen as fai, débeas pagar. Como lle chamaba a esa xente o fillo de Pepe, o carpinteiro, aquel rapaz que nacera nun alpendre en Belén e que acabou fatal por andar en malos pasos...? Ah, si! Fariseos.