Ao seu xeito, cada cal carga a súa persoal e intransferible cruz. E sabemos que as hai moi pesadas e que o camiño é duro en novísimos calvarios con escenarios diferentes e improvisados. Traxedias en cada esquina e esperanzas que non se perden. É esta unha historia que non atinxe unicamente a xudeus, romanos, e localistas nazarenos, arimateos, cerineos... envolta en fervores, incredulidades e mitos contados por evanxelistas e apócrifos, nos que fomos educados a base de catecismos, exercicios espirituais, procesións, homilías, nas Coresmas de privilexiadas bulas e que xa so quedan na memoria. Tempo litúrxico con carreira final na Semana Santa que, en Domingo de Ramos, de oliveiras, loureiro e exóticas palmas, abre a un Viacrucis. Expresión dun camiño entre anxos e demos que remata en altar e cosmogonía, celebración con roscóns noutro domingo, o da Pascua Florida.

Lección que pasa á Cultura, que anima o teatro, á Arte, a literatura, á que nin lle falta música popular ou dos clásicos baseada nos evanxeos ou nin iso. Tamén directores e artistas de cine metéronse na pel de Cristo. O tema da cruz non prescribe. Sabémolo ben no extremo occidente céltico, país de santos magos, de reliquias, sartegos, de encrucilladas, peregrinos ou emigrantes a velas vir polo mundo, propensos ás cosmogonías e aerguer cruceiros ao ceo, sometidos agora, á incultura e á barbarie. Símbolo de identidade, tal como estudou, aplicando toda prioridade, Castelao. Doe fondamente notar de menos unha desas mostras da expresión popular, dialéctica arredor da vida e da morte, ollalo esnaquizado, pese a tanta lei que os protexen e que os poderes públicos non aplican, quizais por seren cousa do común.

Tampouco compre pendurar das paredes dun templo esas escenas dramáticas sufridas hai dous mil anos por un carismático mociño de trinta e tres anos, as que se tamén se imaxinan nas encrucilladas, arredor dun adro ou dun monte. Hoxe outros Viacrucis, máis dramáticos, asoman axiña nos telexornais. E a multitude, en vez de socorrer ás vítimas, está máis atenta aos móviles, gravan a pe de drama e espállano en directo polas redes. Probade que son os medios os que maleducan e que compre educar pros medios.

As estacións dos novos viacrucis teñen novos persoeiros e escenarios, calquera outro Fuco Pérez ou María Soliña, Sanedrín, Verónica, Cerineo... masacres, bombardeos con armas químicas e como novos nazarenos nenos e vellos, fuxidas cara ningures, valados de concertinas, portas pechadas, intolerancia... e o peor sen alba na perspectiva.

Viacrucis clásico que se repite de xeito memorístico en sermóns e séguese en procesións de velas e capirotes, declaradas de Interese Turístico. Inicialmente catorce estacións, feitas para poñer os pes no chan, centradas nos misterios do derradeiro camiño de Cristo. Privilexiaron a didáctica desta lección os fratellos, discípulos de Francisco de Asise e de Antonio de Lisboa, entre os santos predilectos de Galiza e que tiñan Terra Santa como provincia franciscana dependente de Compostela. Custodios dos Santos Lugares, formados no mosteiro de Herbón, trotamundos, misioneiros que tras a cruz ou tras a espada,co seu lema de "paz e ben", espalláronse por oriente e occidente. Mártires tampouco faltaron nas teocracias das que nos fomos liberando, tras concilios, a ilustración e a sensatez. E máis veremos.

As rúas estreitas da Xerusalén terrestre, que a celeste outra cousa será, cheiran a mestura de incensos e especies, ferven de turistas, entre hebreos, palestinos, cristiáns máis ou menos ortodoxos, mercadores de panos palestinos, rosarios, cruces de espiñas, souvenirs... "Xerusalén esta fundada como ciudad bien compacta, allá suben las tribus, las tribus del Señor..."¿? Presúmese do que non hai. Escenario orixinal do Viacrucis, oración, chamada á conciencia, mesmo dos que son capaces de asasinar a Deus, encarnado en cada ser humano. Hai dous mil anos figurado naquel Nazareno, que ensaeta cantou Antonio Machado, que falaba arameo (tomen nota os bispos de Galiza) aclamado na Porta Dourada -aberta entreos muros de Xerusalén, pechada polos xudeus que aínda esperan o recibimentodo seu Mesías- traizoado polo seu discípulo Xudas, esoutro que pon a proba a vontade ea tolerancia do mestre. Retiro cos tres íntimos, transfiguración, tres negacións de Pedro e canta o galo tal cal tiña agoirado... apresado... e para un catequético espectáculo Primeira Estación, escena entre as burocracias do Sanedrín: Pilato, o legado do imperio romano que ocupa Xudea, lávase as mans para que o populismo faga o que quere, condena.

Na Segunda Estación xa se representa ao Cristo como divertimento dos soldados, escarnecido, flaxelado, coroado de espiñas... cargando a cruz, costa arriba. Na Terceira cae, pero sigue o seu camiño. Na Cuarta, entre a ollada axexante da multitude atopa coa Nai, enrédase a dor e o amor materno filial. Na Quinta, metade do camiño, desfeito, o centurión ordena a un veciño de Cirene, Simón, que lle axude a cargar a cruz, faino de mala gana pero remata identificándose co nazareno... Na Sexta, asoma entre o xentío unha muller, a Verónica, que limpa a faciana ensanguentada de Cristo. Na Sétima, deixando atrás a porta da cidade, volve a caer, érguese e carga coa cruz... Na Oitava, Cristo dille a un grupo de mulleres desconsoladas: "Fillas de Xerusalén, non choredes por min, chorade por vos e polos vosos fillos". Na Novena, xa no Gólgata ou Calvario -onde as tradicións din que estaba caveira de Adán- Cristo cae por terceira vez. Décima Estación, antes de crucificalo danlle a beber viño con mirra, que non proba e espóliano do seu manto. Na Undécima é cravado na cruz e para maior escarnio sobre o cabeceiro da mesma, seguindo o desexo de Poncio Pilato, poñen a cartela coa causa da condena, Iesus nazarenus, rex iudaeorum, escrita en hebreo, latín e grego. Asunto no que abonda o evanxeo de Xoán. Na Duodécima Cristo mantén sete conversas, unha co bo ladrón, diríxese logo á Nai e ao seu discípulo Xoán que persisten baixo a Cruz, di que ten sede e danlle vinagre... e que todo está cumprido e expira. Na Decimoterceira, morto crávanlle no costado unha lanza e coa axuda de Xosé de Arimatea e Nicodemo, leais seguidores, desencrávano, báixano da cruz e poñen o corpo no colo da nai... e velaí unha das escenas máis tratadas na Historia da Arte, esencial na galega. Na Decimocuarta, ante a ollada da nai, envolto nun sudario é sepultado nun sepulcro novo que por alí tiña o de Arimatea... E para consolo esperanzado súmase unha Decimoquinta Estación: no sábado, Magdalena e outras mulleres visitaron o sartego, pero ollaron que estaba movida a gran pedra que o pechaba e sobre del un anxo que lles dixo: "Buscades a Xesús de Nazaret, o Crucificado, non está aquí, resucitou". Aleluia, hosanna e festa maior nesa Fisterra que celebra ao Cristo da Barba dourada e a Venus. Viacrucis fonte de reliquias que afervoaron mitos, literatura, arte, peregrinacións, economía, cultura e debate entre a tolerancia ea intolerancia.

Galiza, vello reino de conquistadores e misioneiros, con ese algo de panteísmo-cristianismo, a de viúvas de vivos e mortes, sinte como súa e celebra de vello a Semana Santa e cada vez máis ao xeito andaluz, a onde quizais a levou cando as conquistas. Seguirán as feiras de abril.