Aparecen novos soportes para a lectura e a escritura e arredor disto o debate, que si morre o libro e que a Galaxia Guttenberg pasa á arqueoloxía. Moito se ten andado, dende os ideogramas na pedra, os alfabetos, a escrita nas táboas de lousa, madeira, cera, barro, nos papiros, nas follas e cortizas, nos pergameos, no papel... e xa os sistemas electrónicos a través de plasmas, grafenos e máis aínda se verá. A Historia da escrita é a Historia da Cultura, implica relacións, transmisións que transcenden. Poderíamos perdernos entre os ácaros dos tumbos, códices e cartafoles, en paleografías, tipos de expresións que definen a ética e a estética de cada tempo e levaríamos sorpresas respecto á calidade, en fondo e forma, da Historia do Libro en Galiza. Ao respecto, Antonio Odriozola, no 1992 publicou a Historia de la imprenta en Galicia e Filgueira Valverde non deixou de preocuparse pola arte do gravado, as ilustracións ou a estampa, impresións con cheiro a tinta. Libros que retratan a sensibilidades dos editores.

As preocupacións por saír da casa, polo saber e transmitir canto se enxerga, caracteriza á Ilustración, con punto de partida en presupostos volterianos, de liberdade, igualdade e fraternidade, de educar e mirar ao progreso, creando sociedades e empresas. Daquela a Galiza dos portos e das encrucilladas ofrece singularidades, como o movemento ilustrado coruñés, cos egrexos Somoza de Monsoriu, Cornide, o coengo Pedro Antonio Sánchez... a orixe da Biblioteca do Consulado; Lucas Labrada, entre outros persoeiros de enorme influencia como o Padre Feijoo, Cornide, Jovellanos, Raimundo Ibañez...

A Ilustración desemboca no historicismo romántico e no nacemento rexionalista. No 1853 publicase A Gaita Galega, de Xoán Manuel Pintos, primeiro libro en galego e galeguista, saído do prelo pontevedrés de Xosé e Primitivo Vilas para anunciar oRexurdimento. A un tempo en que entre colectivos galegos da emigración medran os intentos de creación de industrias culturais como as editoriais. No 1885, polo pulo do astorgano, bibliotecario, polígrafo e libreiro Andrés Martínez Salazar, sumado ás ansias do xornalista, político e empresario da comunicación Juán Fernández Latorre, nace a Biblioteca Gallega, seguindo a idea do humanista e precursor Manuel Murguía: Los Precursores será a primeira obra saída deste prelo, obra feita pola necesidade de abrir camiños. No 1910 créase a Biblioteca de Escritores Gallegos, iniciativa dos activistas seguidores do singular crego agrarista Basilio Álvarez. Moitos daqueles libros foron impresos en papel das numerosas fábricas que aproveitaban as augas do Sar ou do Arenteiro? e das que aínda quedan vestixios merecedores de explicarse. Tal como se tenta nas xa rehabilitadas polo arquitecto Gallego Jorreto no Carballiño. Libros coidados, encadernados en coiro, con follas impresas en obradoiros de artes gráfica, a arte dos linotipistas, dos gravadores... anacos de arqueoloxía industrial galega.

Do Modernismo que atopa a orixinalidade nas orixes, hai agora un século, nacen as Irmandades da Fala e con elas a misión de concienciar a través das ideas e da palabra e velaí as editoriais Céltiga, Lar, as ilustracións de Mayer ou Camilo Díaz Baliño... Lección asumida e mellorada por Castelao, como gran humanista, sabedor da necesidade do libro para informar e formar, para a dignidade dun pobo presto a caer no esperpento ou no folclorismo churrusqueiro, poñendo canto soubo no coidado, en forma e fondo. Non hai máis que ollar aqueles deseños da revista Nós: portadas recreadas sobre tradicións, artilladas coas célticas irlandesas, coa caligrafía por el creada, inspirada na gótica dos tempos das cantigas e do florecer de Galiza.

Xa quixeran moitos outros pobos sumar á súa historia logros como os daquelas edicións galegas, onde a mensaxe se pon en relación harmónica co soporte, coidadas na súa arquitectura editorial, dende o deseño da portada, a limeira, as ilustracións e rematando quizais polo epílogo e anota aclaratoria do fin da impresión no prelo, tal día ou tal outro. Sabendo que estar na difusión é estar na vangarda, sumando os mellores grafistas.

A modernista Deputación Pontevedresa, presidida por Alexandre de la Sota, nas súas bolsas de estudo contemplou a cuestión da ilustración, da que saíron grafistas que caracterizaron páxinas dos anos que seguiron á guerra, entre eles o premiado Libro de Santiago da autoría de Filgueira Valverde, ilustrado por Xosé Sesto López. Carlos Sobrino, Portela Paz... son nomes de ilustradores seguidores das tradicións da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, tamén das clases de debuxo de Castelao naquel Instituto.

Dende a metade do século XX a Editorial Galaxia, centrada en Vigo, coidou moito e anovou aquela tradición, incorporando a creadores e espallouse o exemplo. Practicas que Luis Seoane xa viña facendo cos mellores escritores dende Buenos Aires, facendo do libro unha obra de arte, que atrae, seduce, convida a ler e gusta ter. Como mostra as coidadas edicións feitas na Arxentina: a coidada edición de As cruces de Pedra na Galiza (1949) de Castelao, da Editorial Nos de Buenos Aires, obra cimo dun Seminario de Estudos Galegos cando xa fora espoliado. Da mesma editorial bonaerense son os tres tomos do intento da Historia de Galicia, (1962) dirixida por Otero Pedrayo, con sobrecapa deseñada por Leopoldo Novoa.

O debuxante Xohan Ledo ilustrou con suxestivo minimalismo de mancha moitos libros editados por Galaxia. Tampouco faltaron aportes de Laxeiro, como de Díaz Pardo ou do "artistiña" Virxilio, autor tamén de cotizados carteis que convocaban o 17 de maio como Día das Letras Galegas. Especial atención ao coidado do libro tivo a Editorial Castrelos de Vigo, comandada pola sensibilidade dos irmáns Álvarez Blázquez, coa colección de divulgación de o Moucho, coas portadas a cor saídas dos seus obradoiros de Serigrafía Galega; afermosa edición de Santa Marta de Moreiras (1968) de Xosé Ramón Fernández-Oxea, con deseño do mesmo, de Risco e de Xoaquín Lorenzo.

A finais do século XX a Editorial do Castro,vencellada a Sargadelos e o Castro, "industrias da memoria" nacidas polas ideas e a constancia de Luis Seoane e de Díaz Pardo, acóllense a presupostos éticos e estéticos do Laboratorio de Formas de Galicia, a dignificación de Galiza a través das formas. Edicións de obras de ensaio, de creación, mesmo os Cadernos do L.F resultado tras os que está a experiencia de Moret e o saber no deseño, de Xosé Díaz e Arias de Castro, sumando ás tradicións innovación. Alvarellos, Sotelo Blanco, Ir indo Laiovento, Baía, Lea, Espiral Maior esta cas coidadas edicións artísticas a cargo de Carlos Díaz, da man de Facal, Felipe Criado... A incorporación editorial das movidas artísticas, Pepe Barro, Perfecto Estevez, Francisco Mantecón, Miguel Anxo Prado, Cobas... estiveron moi presentes, entre outras editoriais, en edicións de A Nosa Terra e nos oitenta en Edicións Xerais de Galicia. Entón a fotografía, as novas tecnoloxías substituíron ao artesanal debuxo, achegado influencias comerciais dos bestseller. O libro feito en Galiza non debe perder a súa orixinal pegada de orixe.