E xercicios cotiáns. Un título tan suxestivo como axeitado para a obra que o pintor Óscar Cabana nos propón para a súa nova exposición. Aqueles que gozamos en anteriores ocasións cos seus paisaxes urbanos, aqueles mundos que nos evocan tantas e tantas películas de ciencia-ficción, desde Blade Runner a Matrix, sentímonos extraordinariamente sorprendidos por esta aposta tan creada desde o sinxelo, desde o doméstico, poderíamos dicir. Sen abandonar o seu mundo cromático, o emprego dos negros, grises e a sutil presenza do vermello, Cabana abre a súa paleta aos marelos, os azuis, os laranxas e os verdes. Trátase dunha aventura froito do análise e da reflexión. As súas cidades imaxinarias, tan influenciadas polos seus coñecementos arquitectónicos, dan paso agora ás bananas, ás mandarinas, aos vasos, ás cafeteiras, aos pratos ou ás flores. Mais non se trata de bodegóns, senón de retratar o íntimo, aquilo que habita a súa vida e o seu estudo de pintor. Brochas, pinceis, tubos de óleo, asoman tamén na exposición. É un labor de introspección. Un paso máis na súa evolución como artista. É o canto do laboratorio das ideas. Un asolagamento no propio para facer un arte co que compartir emocións íntimas, que desde agora serán colectivas. O ollo do visitante á exposición detectará axiña un cambio. Pero Exercicios cotiáns é moito máis que un cambio. É dubidar e preguntar. Abrir un espazo único para facelo común. É o gozo por compartir esta viaxe pola mente e as emocións dun artista. Tamén é un autorretrato porque observando os cadros de Óscar, un acaba penetrando un pouquiño nos seus interiores, tanto pictóricos como humanos. Dalgún xeito, temos a sensación que non só entramos no seu estudo, senón tamén na súa casa, na súa vida. Hai anos, Óscar Cabana, nun encontro entre poetas e pintores, tivo que crear desde un texto meu unha obra. Agora, quixen devolverlle aquela experiencia compartida, con este artigo e un haiku. Porque unha columna como esta non permite grandes poemas. Aí vai:

O lusco fusco.

A paleta do pintor

entre as montañas.

Na Galería Atlántica agárdavos Óscar Cabana, os seus cadros e o seu talento. A súa aposta artística e vital. Paga a pena que non demoredes a vosa visita. É fermoso vivir nunha cidade que nos da tanto a cambio de tan pouco.