Hoxe sábado ás 13.00 participo na librería/grolería Berbiriana na presentación de Los herederos de la ciudadanía, coa autora, Montserrat Golías, e o sociólogo Antonio Izquierdo. Herederos é o destilado da tese doutoral que a autora, profesora en Socioloxía da Universidade da Coruña, fixo sobre "os novos españois", os fillos e netos de emigrantes/exiliados que adquiriron a nacionalidade ao abeiro da Lei da Memoria Histórica. Escribo isto agora non porque lles vaia contar o que penso dicir no acto hoxe (que para min é mañá), senón porque con alguén teño que compartir as miñas dúbidas. Os meus reparos sobre que pinta un xornalista (xa saben, os que temos un océano de coñecementos... dun dedo de fondo) entre a autora, que pateou Arxentina e Cuba facendo un traballo de campo cos afectados e afectadas, e o outro participante, catedrático de Socioloxía e experto internacional en migracións. Nin sequera teño un pasado familiar emigrante recente en América. Un irmán de meu avó materno enfermou e morreu en Cuba e algún irmán no avó paterno foi a Bos Aires, e outro foi sindicalista dos vendedores de prensa en Lisboa e acabou abrindo un hotel en Casablanca. Por Europa e as aforas de Galicia si que teño ciscados algúns parentes.

No meu descargo, creo que a emigración, a falta de feitos guerreiros, invasións e heroicidades varias con efusión de sangue alleo, é a epopea nacional de Galicia. A conquista do Oeste, o noso western. Nas contadas ocasións nas que tiven contacto co xente emigrada, en Cuba, Nova York, Bos Aires, Brasil, Venezuela ou Uruguai atopei xente boa e mala en boa parte das gradacións posibles, como en tódolos sitios. Pero as historias máis emocionantes de capacidade de adaptación e/ou de fidelidade extrema ás raíces, vinas por aí, no que hoxe se chama a Galicia da diáspora, o noso país portátil espallado polo mundo.

Herederos, como dixen, analiza as demandas de nacionalidade desa diáspora, o proceso e os efectos da súa concesión, que me parece lóxica e defendible, sexa por razóns de identidade e dignidade, sexa por cuestións máis pragmáticas, como as vantaxes de ter hoxe un pasaporte europeo (mentres dure). Sobre o que proxecto as miñas dúbidas é sobre se ese pasaporte ten que levar aparellado o dereito a voto. O Reino Unido retira ese dereito aos 15 anos de residencia no exterior, e outros países piden "pisar casa" cada X tempo. E máis dúbidas sobre o dereito a voto en eleccións como as municipais, tal e como reclama directamente un dos entrevistados pola profesora Golías, e tal e como sucedía antes da reforma do voto CERA (o censo de "residentes ausentes", ese oxímoro). Dúbidas porque non é moi normal que alguén ausente decida sobre aspectos como a limpeza das rúas e o sentido da circulación. E menos cando o censo electoral supera, como pasa en moitos lugares, ao censo de habitantes.

O que teño claro despois de botarlle un ollo ao texto é que metendo o dereito da nacionalidade pola porta traseira da Lei da Memoria Histórica no canto de facer unha Lei da Nacionalidade ad hoc fíxose iso tan hispano que se chama chapuza. Igual que a tramitación do voto rogado (o que hai que solicitar para podelo exercer), pero que con todo, e pese a desmemoria desa esquerda que agora pide que se derrogue, supuxo unha garantía democrática sobre o alabar a dios que era antes a votación do CERA.

Claro que nestes eventos é mellor entrar con dúbidas e saír sen elas que ao contrario.