Hei de confesar que me incomodaron algunhas das actitudes que persoas e personaxes que gobernan o mundo ou España, tiveron na presente semana. Como podemos queixarnos de que os máis mozos estean, obsesivamente, pegados a un móbil e abandonen a lectura, a diversión colectiva, o deporte ou ás artes? Por que nos asombra tanto que non conversen entre eles cando se sentan nunha cafetería ou nun restaurante e permanezan atentos á pantalla do seu aparello internético? Podemos elevar a nosa queixa, pero non debemos de perder de vista que exemplo lles dan aqueles que teñen que dirixir o seu futuro, pilotar a nave dun planeta que se afoga en contradicións. Donald Trump, comunícase, non só cos seus simpatizantes ou cos seus cidadáns, por tuits, senón que agora exerce o seu ordeno e mando en política internacional por tuits. É serio que un home que ostenta tanto poder goberne a través das redes sociais? Non. A imaxe que da á humanidade é infantil e falsaria. É normal que Rajoy tarde días en felicitar a Pedro Sánchez e, cando por fin da o paso, mande un SMS? Non. Pero que fan os asesores? Logo do de Bárcenas, non debería estar xa escarmentado o presidente do tema dos SMS? E así se pasaron unha semana. "Eu non vin ningunha mensaxe no me móbil". "Pois eu mandeino". Menos mal que Sánchez se arremangou e chamou por teléfono. Por favor, cando na empresa privada, tanto os SMS e os wasaps están sendo considerados pouco profesionais, veñen os nosos dirixentes a amosarlles a toda unha xeración que o camiño para resolver as cousas máis graves do Estado é un tuit ou un SMS. Logo queixaremos, si, pero non esquezamos estes exemplos. E despois, está o de declarar por plasma. Pero onde están os asesores? Non estará tamén escarmentado o presidente co tema do plasma? Que vaia en persoa. O outro ía ser peor. Ademais, non pasa nada. Non vai aumentar o paro, nin baixar as bolsas, nin a prima de risco vai subir. Pode quedar deteriorada a imaxe de España? Non, o que deteriora a imaxe de España é a corrupción en si mesma. A de todos os partidos. E tampouco axuda que o Fiscal Anticorrupción teña unha empresa nun paraíso fiscal como Panamá. E que tarde tanto en dimitir. Pode ser que sexa legal, pero non é estético nin ético que alguén que ten que xulgar a corruptos con empresas en paraísos fiscais posúa, el mesmo, a súa propia empresa nun destes lugares. En fin, mentres pasaba todo isto o Madrid gañaba a súa duodécima copa de Europa de fútbol en Cardiff, a douscentos quilómetros de Londres, onde o terrorismo volvía a golpear duramente á poboación británica en plena campaña electoral. E para isto o Brexit? Gran Bretaña, ten que reflexionar sobre esta nova guerra que sacode os cimentos de Occidente. Os islamistas non son os nazis. Derrotalos será moi máis difícil. O exemplo de Churchill non abonda contra tan taimado inimigo. Sós van ter máis frío que acompañados.