Non importa o significado das palabras. O que importa é quen ten o poder". Esta frase de Lewis Carroll, na súa obra Alicia no país das marabillas, resume dalgún xeito o panorama político do Estado. Carentes de líderes sólidos, de programas sólidos e de pensamento sólidos, aos nosos administradores parece que só lles preocupa acadar o poder. A penúltima frase de Pedro Sánchez é reveladora. Dirixíndose a Pablo Iglesias e a Albert Rivera, soltou esta perla: "Canta distancia podemos avanzar xuntos, un metro, dous, tres metros, cen metros? Que distancia podemos percorrer xuntos ata chegar ata á Moncloa?". Ese é o programa, ese é o pensamento. Chegar á Moncloa. Aquí non abonda o de "a fin xustifica os medios". Porque usar calquera medio para chegar á Moncloa non supón que a cidadanía mellore a súa situación. A Moncloa non é o que era. Antes, chegar alí significaba poder facer moitas cousas. Si, na época do bipartidismo. Pero agora, chegar á Moncloa significa máis que facer moitas cousas, pactar moitas cousas para poder servir á túa nación. Chegar á Moncloa non pode ser un fin en si mesmo. O que fas polo camiño é o importante e o que pode ilusionar ao electorado. Pero como dicía o panorama político en España é demoledor. Montoro debe ser reprobado? Pois claro que si. Por que? Porque nos mentiu e porque non dimite. El mesmo retrata o estado de confusión no que habita o seu cerebro. Lean esta perla: "Corazón que non ve, digo, corazón que non sente ollo que non ve? digo? corazón que non sente? bue vostedes xa saben o que quero dicir". Si, sr. Montoro, claro que o entendemos. Se fomos quen de entender o de "pitos, frautas, frautas, pitos, gaita?", somos quen de entender calquera cousa que diga. Por iso entendemos perfectamente cando nos minte e nos toma o pelo. E non nos gusta. Fiscais, xuíces, cuñadísmos do Rei, presidentes de Comunidades Autónomas, de Deputacións Provinciais, alcaldes, tesoureiros e secretarios xerais de partidos políticos, os ERE dos sindicatos en Andalucía, o Palau, Pujol?Quen da máis? E mentres tanto non somos quen de poñernos de acordo para sacar un documento en común para condenar en firme o que está acontecendo en Venezuela. Se un goberno da Europa occidental lévase asasinados setenta cidadáns caería ipso facto. Pero claro, é Latinoamérica. Aló é normal que pasen esas cousas. Están acostumados a vivir con inseguridade e arrodeados de violencia. E que ocorre? E que estamos dispostos a que siga sendo así? Falamos moito dos estados fallidos en África e Asia, e, sacando de Haití, nunca falamos do retraso de anos que sofren os nosos irmáns e irmás de Centroamérica e de Suramérica. Asumimos que a miseria e a pobreza forman parte das súas vidas. Pero, se de algo estou seguro é que neste planeta, tan extraordinario, non existe ninguén ao que lle guste ser pobre. "Corazón que non ve, digo, corazón que non sente? Que distancia podemos percorrer xuntos ata chegar á Moncloa?".