Eu non creo moito nas sondaxes electorais, para canto máis nas preelectorais, ou neste caso, nas extraelectorais, as que se fan cando non hai elección ningunha á vista. Non creo demasiado en que atinen, non sei as que se fan, pero polo menos as que se publican, pero si son devoto e acredito nelas como outros nos horóscopos: adaptándoas ao que si se sabe, ou facendo conxecturas sobre o que pode ser. Debe haber máis afeccionados coma min, porque se publican unha chea delas. As últimas chegan a unha conclusión un tanto curiosa: todo este rebumbio que se está montando, e as intencións de voto impertérritas: gana o PP, cada vez por menos; remonta o PSOE, moi aos poucos; Unidos Podemos & Co baixa un chisco e Ciudadanos queda como está. Tanto esforzo de uns e outros, e non me refiro unicamente á clase política para nada.

No último barómetro que apareceu, o de Celeste-Tel para eldiario.es, con enquisas feitas a primeira semana deste mes, o PP baixa 0,2% puntos con respecto ao mes pasado e o PSOE sube 0,4, pero coas perdas anteriores acumuladas, Rajoy baixaría dos 137 que agora ten aos 129-132, mentres Pedro Sánchez aumentaría dos 85 que conseguiu o verán pasado aos 94-96. Unidos Podemos baixaría dos 45 que tivo, sen as candidaturas aliadas, aos 35-38, e En Marea dos 5 aos 4 (todas as confluencias baixarían, quitado En Comú Podem, que gañaría un escano). Cs incrementaría 10 escanos sobre os 32 reais que ten. Outra consultora, Electopoll coincide na tendencia, mesmo nos 130 que tería o PP, pero adxudícalle aos socialistas 100. E saca unha conclusión distinta: o ruído catalán consolida os partidos tradicionais, PP e PSOE, e afunde aos emerxentes. Non será precisamente en Cataluña. Outra, MyWord, que traballa para a SER, dálle a razón ao comparar as intencións de voto de comezos de setembro coas de xullo, e observa un incremento de 1,7% no do PP, 2,5% no do PSOE, e unha baixada de 1,5% en Unidos Podemos e 0,4% en Cs. Sigma2, para El Mundo, insiste tamén en estimacións semellantes, pero concluíndo que é o PSOE quen sube a costa dos pequenos, UP e Cs.

O curioso do caso é que hai enquisas paralelas, non xa sobre intención de voto, que revelan un importante apoio ao goberno na chamada cuestión catalá. Ou iso é o que conclúe a citada Sigma2, aínda que non ofrece datos en conxunto, senón por partidos: aproba a xestión de Rajoy o 52% dos seus votantes (e desapróbaa o 33%), o 48% dos do PSOE (en contra o 36%), o 36 de UP (o 49% en contra) e o 44% a favor dos de Cs (38%). Non están moi seguros dos datos de UP, e a verdade, tampouco aventuran se os descontentos o están por exceso ou por defecto. Para compensar, a consultora fai outra, máis clara, de se a xente, ou polo menos os preguntados, están a favor de que se lle aplique a Cataluña o artigo 155 da Constitución. O tan traído e levado estes días 155 vén sendo o que permite que se anule un estatuto de autonomía, estremo que non sei se lle aclara aos entrevistados: o 48% está a favor, o 33% está en contra e o 19% non o ten claro (ou non llo explicaron ben).

En resumo, tertulianos pedindo fusilamentos ao raiar o día, altas institucións facendo chamamentos solemnes e resulta que a cidadanía está politicamente onde estaba, voto arriba, voto abaixo. Tanto traballo para nada. Unicamente que todo ese esforzo sexa precisamente para que nada cambie.