A maldición

06.11.2017 | 00:52
A maldición

Cando o arqueólogo Gardiner morreu aos noventa anos de idade, os amantes das lendas dixeron que a maldición de Tutankamon acabará coa súa vida. Gardiner formara parte do equipo do profesor Carter que desenterrara á momia do faraón exipcio. Sen dúbida, é atribuírlle á famosa maldición uns poderes excesivos, porque se Gardiner morrese aos trinta anos, pois se comprendería, pero aos noventa. En Galicia, tamén temos as nosas pequenas maldicións. Somos un pobo pacífico e tranquilo, pero que garda no seu interior arrebatados traumas, odios milenarios, difíciles de superar e comprender. Cando tivo lugar a guerra fratricida do 1936, ninguén podía supoñer as vinganzas, represións e brutalidades que ocorrerían na nosa amada terra durante décadas. Aquelas barbaries non se podían supoñer, pois por moita tensión que houbese nunca se imaxinou que un conflito tan debatido e producido desde Madrid puidese xerar tal cantidade de falta de amor e irmandade entre os galegos. O problema político catalán non deixa de sorprenderme. A min tanto me ten a guerra de bandeiras. A xente é libre de colgar nas súas casas bandeiras galegas, españolas, de Nunca Máis ou do Deportivo; o que non acabo de entender é que un debate político que ten lugar noutro espazo xeográfico que non é Galicia, volva a espertar tantos odios e defeccións da amizade. Sempre tiven a gala dicir e actuar como persoa máis de ideas que de ideoloxías. Isto fixo posible que moita xente que non pensa coma min fose quen de ver máis aló dun voto, dun partido ou dun mitin. Sen embargo, dóeme comprobar como sen mudar para nada o meu trato educado con todos aqueles que me saúdan ou me teñen demostrado unha certa simpatía, o trato dalgúns para comigo mudase completamente con motivo do tema catalán. Hai dúas persoas que me quitaron o saúdo sen saber sequera o que penso ao respecto. Porque claro como escribo en galego, pois xa está. E un por escribir en determinada lingua non ten cornos, nin ter que ser nacionalista, nin de esquerdas. Só hai que amar o galego. Nada máis. O que eu pense politicamente é como o que eu pense sobre as miñas crenzas relixiosas, son algo privado, pertence ao territorio íntimo. Na vida hai moitas cousas que compartir e das que falar como para ser xulgados só pola política ou a relixión. En fin, agardo que a crise que golpea a Europa e ao mundo e que, inevitablemente, tiña que acabar por ter ecos na nosa cotidianiedade non nos leve a apertar comportamentos e estigmas propias do século pasado e non deste esperanzado século XXI que estamos a iniciar. Os cambios de século sempre foron complexos e revolucionarios desde, cando menos, o inicio da idade contemporánea. Teñamos a altura de abandonar a maldición dos odios e da intransixencia, e que morramos de vellos como Gardiner, e non novos como tantos infelices que se deixaron a vida nas guerras europeas do pasado.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine