XXI Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

13.11.2017 | 00:39
XXI Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

Con motivo de celebrarse o XX Aniversario da creación do Grupo de Teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a directiva da devandita Asociación, pensou que o máis sensato e atinado sería acudir aos nosos clásicos para conmemorar estes vinte anos de escenarios e paixón. Quixeron que o Memorial de Teatro Ibán Toxeiro deste 2017, dese pé a pensar que moitos dos motivos que levaron aos galegos e galegas ao exilio e á emigración aínda habitan no noso mundo de hoxe. Ademais, a actividade de certas asociacións, como Alexandre Bóveda, non deixa de ser un exilio interior, un exilio que non se elixe senón que se impón desde a incomprensión polo desenvolvemento das súas actividades, e desde o silencio das institucións ao apoio das mesmas. Castelao, Dieste e Seoane foron os escolleitos para representar a tantos autores de teatro que viviron a tristeza da ausencia da súa terra nas súas vidas. Mais, o seu talento estará o vindeiro día 16 de novembro, aquí, con nós, no Teatro Rosalía de Castro. Trátase dun ano moi especial. Cúmprense sesenta anos da edición das obras A Soldadeira e Esquema de Farsa de Luís Seoane e de Midas e O ángulo de pedra de Isaac Díaz Pardo. Cumpría pois ser partícipes destas catro ledicias, destas catro creacións que son agora revisitadas por artistas actuais. Desde a Fundación Luís Seoane co impulso de lecturas dramatizadas sobre as obras do xenial pintor e escritor galego-arxentino e desde a Deputación de A Coruña coa reedición das pezas do seu amigo Isaac. Baixo o título xenérico de Teatro do Exilio, ofreceranse ao público as seguintes "anécdotas teatrais" como adoitaba a chamar Jenaro Marinhas del Valle á escrita teatral: O pai de Migueliño e Era un neniño de manteiga de Daniel Castelao, Na ponte de ferro, Na norte de Estreliña e O grandor do mundo de Rafael Dieste e Esquema de farsa de Luís Seoane. E estes serán os artistas que farán posible a construción do noso soño teatral: Aleza Blázquez Moreno, Sofía Fernández Brage, Isabel Vidal, Cristina García, Ana Rodríguez Seoane, Malena Tenreiro Alonso, Josafat Jose, Moncho Iglesias, Pepe Rodríguez, Javier González e Suso Míguez de Ardexurxo, como integrantes do Grupo de Teatro Alexandre Bóveda, formación teatral que este ano recibirá o premio Ibán Toxeiro con motivo de cumprir vinte anos habitando os escenarios; xunto a eles, un grupo de actores e actrices profesionais: Amalia Gómez, Manuela Varela, Rebeca Montero, Sabela Hermida, Javier López, Roberto Reboiro, Xoán Carlos Mejuto, Xosé Antón Jiménez, Juan Ignacio Borrego, Pedro Picos e Xosé Bonome, intérpretes dos grupos Teatro Proscrito e A mina abandonada. Con deseño de luces de Is Torrado e coa presentación da gala a cargo de Isabel Risco. A Asociación Cultural Alexandre Bóveda agarda que a cidade de A Coruña se impregne daquel aire libertario que a xente do exilio posuía e que permanece vivo nas súas sensibles e críticas obras de arte, e para facelo só teñen que acudir ao Teatro Rosalía, sen gastar un peso, só dedicándolle unha hora das súas vidas á memoria de Castelao, Dieste e Seoane, e á de Ibán Toxeiro, que a que anima toda esta paixón racional, esta intelixencia sensible.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine