Cando Igor Stravinski estreou O paxaro de lume en París, o público reaccionou de dúas maneiras ben diferentes. Mentres os artistas eran conscientes do nacemento dunha obra mestra e dun compositor destinado para á historia da música, a maioría dos espectadores, xentes da burguesía parisiense na súa maioría, acabaron non só asubiando a obra, senón que chegaron a lanzar as cadeiras que se tiñan posto para cubrir todo o aforo contra os defensores do creador ruso. Algo parecido ocorreu no seu día cando Henrik Ibsen estreou no 1879 Casa de bonecas no Det Kongelige Teater de Copenhague. Cando a peza se editou, aínda xerou máis controversia pois as clases cultas de Europa puideron ler en inglés, francés e alemán a obra de Ibsen -escrita orixinalmente en noruegués- e comprobaron que a sona que precedía á peza era certa. O autor nórdico criticaba fortemente as normas matrimoniais e a sociedade dos século XIX. Aínda que Ibsen, negou toda a súa vida que a súa obra fora feminista, está é considerada por numerosos críticos e escritores como a verdadeira primeira obra teatral feminista. De feito, foron as sufraxistas inglesas, as que anos despois financiaron unha reestrea en Londres. O próximo xoves, no Ágora, dous actores coruñeses Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto soben a escena para revisitar o clásico de Ibsen e facelo dun xeito moi especial. Ambos están construíndo o proxecto marabilloso de traer ao público de hoxe os grandes clásicos, pero facelo baixo un desafío tremendamente actual e necesario, unha aventura chamada Clásicos nunha hora. Iria Ares, como dixemos é a actriz que interpreta a Nora, e da que fala deste xeito: "Nora é un personaxe moi complexo. Sofre unha revelación tremenda no medio dun mundo no que a muller non ten dereito a expresar a súa opinión. Pero é xenerosa co seu marido. Cando decide marchar de casa, non é nunca buscando unha revancha co seu esposo, trátase dunha separación da sociedade que el representa e na que ambos están sumidos. Non pretende cambiar a mentalidade de ninguén senón aceptala e marchar". E esa marcha foi o que provocou o escándalo na época na que obra foi escrita. Que unha muller decidise abandonar o fogar sendo nai, removeu os cimentos das sociedade do momento. Pola súa banda, Helmer, o esposo de Nora, personaxe que interpreta Xoán Carlos Mejuto, é para este "un produto e un ideal da súa época. Podería ser considerado un marido perfecto. Un bo home, dentro dunha sociedade perversa. Ten a vocación de encarnar esa sociedade e está moi namorado da súa muller. Cando recibe a noticia do que está a acontecer á súa esposa sofre un golpe terrible. Primeiro, prohíbelle marchar, pero logo revélase impotente para facelo. O golpe prodúcelle unha cegueira. Non comprende porque sucede o que sucede, e nin sequera comprende que sucede". Nun tempo no que a violencia de xénero está, desgraciadamente, tan instalada nas nosas vidas, acudir a ver Casa de bonecas, pode darnos moitas claves de por que aínda a muller de hoxe segue sendo maltratada e humillada polos homes e mesmo por outras mulleres. O Ágora vos agarda o próximo xoves.