Este discurso vaille atinxindo ao noso confín, cada vez máis consumista e que, pese a tanta historia e tesouros, vive na prehistoria da museoloxía. Cuestión pola contra que bule arredor dos grandes centros museísticos, con nomes como o Louvre, British, Hermitage... Prado, de apelidos de inversores da arte, Guggenheim, Thyssen, Ghetty, Picasso... tamén de concellos atentos á dinamización do turismo, Bilbao, Barcelona, Málaga...

A raíz do novo fenómeno culturízase ás elites privilexiadas nos cartos... Os petrodólares aguilloan á industria dos museos e si eses intercambios serven pra educar na tolerancia, na democracia e na paz, pois veña. Así é que a vocación dos museos muda, atraída polos cartos, busca o espectáculo. Enténdese que a cultura é un incentivo económico, vende e da votos.

Algo do Neolítico aínda queda arredor da inxenuidade da tribo, da nai, da casa, da aldea, das feiras, do artesanado, dos mitos e dos ritos... O racionalismo, a innovación científica, o negocio, a cada intre máis deshumanizado, condúcenos por outros camiños, conseguintemente o intervencionismo, a aculturación, a crise de identidade, o deterioro da paisaxe, o cambio climático... Adiantos que pasan das máquinas de vapor á electricidade e con elas á Revolución Industrial, logo o petróleo, o gas, as novas experiencias con mudas nos sistemas de produción, nas tecnoloxías, na construción, no mercado, tamén na explotación e na división de clases. Revolución Industrial que caracterizou ao século XX e que toma novas facianas: o traballo animal e manual, o transporte, cada vez máis sofisticado e rápido entrégase á máquina. Perfecciónanse as cadeas de montaxe, a especialización, a industria, a empresa, o comercio, con novos sistemas de comunicación... evolución demográfica cara ás cidades. División entre os donos dos medios de produción, capitalistas e proletarios, uns asociados a lobbies de poder, os outros a sindicatos, a partidos socialistas, comunistas, anarquistas... Tempos Modernos.

As cidades modernas marcan diferenzas e son referentes, competitivas fogueiras de vaidades, París, a partir da Feira Universal do 1889, simbolizada pola Torre Eiffel. A un tempo e na banda da "América, América" New York, que polo 1883 remata a ponte de Brooklyn, onde gastaron a vida tantos obreiros galegos... e Chicago. Acentúase a loita pola vida e vaise máis apresa que as leis, conseguintemente explotación, delincuencia, gánsteres, mafias... novas alfándegas para a selectiva decantación de traballadores aos que se lle miran ollos e boca.

As novas tecnoloxías dixitais multiplican os novos inventos, inza a Terceira Revolución Industrial, sobre a que xa se comezou a teorizar no 2006 en relación coa intelixencia, a internáutica, e as enerxías renovables Coas tecnoloxías Made in... tamén viaxan as palabras.

Os países que explotan as fontes de enerxía contemporánea, o petróleo, apampan ao resto do mapamundi, solicitan aos mellores enxeñeiros, arquitectos, a negociantes construtores que faciliten man de obra arriscada, renovación de catálogos... Escaparates de novísimos skylines, Shanghái, Kuala Lumpur... e os Emiratos Árabes, entre elas a catararí Doha e Abu Dhabi. Países islámicos que, como nun gran zoco de altivez, mercan o mellor de occidente entrando en contradición aspectos éticos e estéticos que diferencian a ambas culturas. Próbase fortuna en Abu Dhabi, fano tamén os macromuseos de occidente, os que se apoderan de espolios de Grecia, Sumeria, Exipto... móvense miles de millóns de euros e as delicadas obras de arte viaxan. O mercado da arte atopa novas redes de xestión comercial, o negocio dos museos, a econo-museoloxía, con orixes no Guggenheim de New York e no parisino Centro Georges Pompidou. O mercado da arte dispárase, a xestión dos museos diversifícase, entra no mercado, máis alá da súa finalidade orixinaria de conservar, adquirir, exhibir, estudar, divulgar... A cultura perde o senso orixinario de cultivo pra facerse mercadoría e pónselle prezo. A xestión do museo céntrase na busca de fontes de financiamento e vaise máis alá das súas fronteiras para converterse en empresa con catálogo, clientes e ganancias. Mesmo aluga o seu acreditado nome, as súas pezas, aos seus técnicos... pra saír á feira mundial. Asunto xustificado como función social, comunicativa, educativa, aberta ao mundo. E velaí o dilema cultura-economía. E mellor os museos, a Arte, que as confrontacións e as guerras.

Previos os estudos de viabilidade os museos emigran, os poderes públicos constrúen espazos pra alugarlle o veraneo ás coleccións. Pasa en Venecia, Ámsterdam, Barcelona, Málaga... como xa o fixo o Guggenheim de New York exportando a súa filial a Bilbao, tras un proveitoso convenio e espectaculares cambios no urbanismo da cidade. Arquitectura de Gehry, propiedade do Goberno Vasco, rexido pola Fundación Guggenhein-Bilbao, na que priman as institucións vascas: deconstrutivista catedral para enxergar a relixión da arte de hoxe, reconvertendo a ruinosa área industrial para ser, a máis dun icona da cidade, un proxecto que axudou a superar a crise. Reforzo para o nome internacional de Guggenheim, con canon prorrogable por usalo 25 anos, prorrogable... O Louvre aprende a experiencia e con novos mecenas monta unha sucursal na cidade estadounidense da Coca-Cola, Atlanta, como pra alimentar de humanismo europeo o espírito cocacolonizador; aquí o arquitecto será o italiano Renzo Piano. Espectaculares continentes para os que se inventa discursos expositivos cos que alugar obras de arte. O emirato de Abu Dhabi repite e multiplica a lección cun proxecto faraónico, cavilado pra tempos de crise, pra despois do petróleo, e converterse nun paraíso turístico no deserto do Golfo Pérsico. Asínase co Louvre, por trinta anos, un convenio de miles de millóns. Disque tal proxecto forma parte do diálogo entre dúas culturas en favor do turismo, do comercio e da paz... Págase por alugar iconas de museos, delicadas tamén, a cuestión trae debate. Co proxecto impórtanse ademais tecnoloxías e expertos franceses. Si ben o construtor galego, Jacinto Rey de San José e os obreiros son galegos, xunto cos nepalís, uzbecos, indios...

Proxecto expositivo no que se censuran crenzas, éticas e estéticas, principios políticos que poden incomodar e por no brete a identidade islámica. Como froito do convenio a historia e a cultura islámica pasará tamén a exporse no Louvre. Virarán os rumbos e máis aínda veremos.

O museo adquire unha nova función social, medra a ciencia da museoloxía, trátase do museo feito para museo, para recibir, mostrar, custodiar, estudar...e sobre todo vender.

Esta historia comeza a partires do Maio do 68 coa creación dunha gran praza de Abastos de Arte en París, que no seu edificio recreará as tradicións industriais de Eiffel, esta vez encargada aos arquitectos italianos Renzo Piano e Richar Rogers, edificio, gran contenedor renovable segundo a situación, fábrica de arte e cultura, o Centro Georges Pompidou (1977), catedral da contemporaneidade: museo, cine, restaurante, supermercado de cultura que cambia o barrio e as mentalidades. As críticas iniciais serven de propaganda e os turistas complementan a visita a París co novo Centro Pompidou. Estamos na abraiante cultura do espectáculo pra a mercantilización da arte.