Siro

22.01.2018 | 00:44
Ilustración de Siro.

O pasado venres a Deputación Provincial de A Coruña presentou o libro Siro no que se recollen diversas facetas do artista ferrolán e coruñés que tantas veces nos fixo sorrir e do que tanto descoñecemos da súa obra pictórica e ensaística. Siro, tivo que pagar o prezo de ser recoñecido case exclusivamente como caricaturista, pero foi un prezo bo de levar. Dedicouse ao xornalismo gracias á súa facilidade para plasmar o rostro de personaxes moi populares cun trazo limpo e único e cun humor ocorrente e fresco. Os humoristas gráficos poden tratar case todos os temas, coa condición de facer rir. E este foi o caso de Siro que o puido facer en liberdade. Tal foi a popularidade das súas caricaturas da vida política de Galicia, que os protagonistas das mesmas, os políticos, preferían o debuxo de Siro que saír retratados nunha foto. Entre eles dicíanse: "Mentres Siro non faga unha caricatura túa, nisto da política non es ninguén". Pero Siro, non era só o caricaturista, nin o magnífico debuxante que moitos intuían, era un extraordinario pintor. Tivo ofertas de galerías, pero a súa timidez, impedíalle dar ese paso adiante que nos permitiría descubrir os seus espidos femininos, os seus retratos, a súa carpeta de Os pecados capitais, da que se sente tan orgulloso, e con razón. Penso que Siro fixo toda clase de debuxos, agás o cómic. Porque tamén tocou a ilustración de libros, os seus debuxos habitan nos volumes de Neira Vilas ou Xavier Alcalá, e tamén a ilustración xornalística en As historias do Savoy para Diario 16, escritas por Alvite. Aquel era un encontro coa improvisación e a capacidade de practicar todos os días, como un solista dun instrumento, o seu oficio. Tizas, ceras, pasteis, lápices ían dando forma a aquel mundo alvitiano de músicos, putas, macarras e borrachos que Siro reflectía como se de expresionismo alemán se tratase no día a día da contraportada do xornal. Quixo ilustrar e debuxar e pintar cunha estética moderna, pero partindo da tradición galega. Como Seoane ou Xaquín Marín, que abordando temas universais, só con ollar a súa pintura un momento vese que son artistas de Galicia. É interesante facer unha visita ao Museo dedicado a Valle-Inclán en Vilanova, pois alí poderemos contemplar varias caricaturas de Valle, un retrato ao pastel, un gravado e máis pezas arredor do xenio do teatro e da narrativa que tanto admira Siro e que a tantos nos provoca unha emoción indescritible. Moi poucos pobos poden presumir dun autor así, como dunha Rosalía ou dun Álvaro Cunqueiro, autores cabezais do propio Siro. A pintura chegoulle tarde no ano 1995, e con limitacións, pois debido á súa doenza, o óleo resúltalle un produto demasiado tóxico como para pintar con el. Pero están as temperas, as acuarelas, que manexa con destreza, e os pasteis. O libro presentado este pasado venres, recolle todos estes aspectos do artista, así como varias reflexións sobre os seus ensaios dedicados ao humor. Entre eles, o dedicado a Cervantes e ao seu Quijote. Noraboa por este libro, amigo, un libro que saíu o mesmo día no que cumprías anos. Que mellor agasallo para nós que celebralo contigo e na compaña do teu arte. E parabéns por ter vivido no humor e ter derramado humor a man cheas. Rir é san para á xente e fai que o ser humano sinta que aquel que o practica é alguén capaz de devolverlle a esperanza de vivir. E por iso o aprecian tanto, como tantas persoas te aprecian e te queren, Siro, polo moito que lles tes dado.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine