Poderíamos falar de crise de valores ademáis de crise económica. Crise de valores porque as nosas rapazas e rapaces son fillos da opulencia de anos pasados e non se conforman con carrexar de novo a mochila do curso pasado; porque os libros novos "ulen moi ben", porque os medios encárganse de bombardealos con novas marcas, novos ídolos... que hai que lucir na carpeta. Como non! Todo novo, señores papá e mamá.

Nestes momentos de desamparo por parte das administracións; neste momento no que a meirande parte das familias sofren desemprego ou salarios máis baixos que en anos pasados, cómpre ter o que se chamou sempre "un pouco de sentidiño".

E como sentidiño é o que lles falta as administracións, as nais e pais que cremos e defendemos un ensino público integrador, democrático, laico e de calidade máis que demostrada, vémonos ante a tarefa de tentar solucionar tantas carencias.

Fálase nos medios dos bancos de libros como se fora un invento recén saído da chisteira dun artesán da maxia. Non tal. De toda a vida os irmáns pequenos herdaron os libros dos maiores, libros que non debían estropearse porque tiñan que durar...e porque sabíamos que os libros son unha ferramenta de coñecemento: "Un libro nunca se tira nen debe arder nunha cacharela do San Xoán".

Hai dous anos, centos de libros quedaron pechados nos almacéns dos colexios porque estaban noutro idioma; rematou o sistema de préstamo que tan bos resultados deu entre os rapaces e tantos cartos aforrou ás familias. Por que? Vaian vostedes saber, señores dos gobernos.

Hoxe as Asociacións de nais e pais, ante este principio de curso tan difícil para a escola pública, voltamos a tempos pasados: os libros son aproveitables, intercambiables e non queremos que ningunha nena padeza os recortes; ningún rapaz sen libros porque a súa familia carece de poder adquisitivo. Deixaremos nos locais das ANPA os libros xa aprendidos para que outros compañeiros poidan aprender neles; haberá intercambio entre as distintas asociacións porque as ANPA están formadas por nais e pais solidarios e comprometidos. E o traballo non asusta, estamos afeitos a resolver.

Do mesmo xeito que levamos o peso dos comedores escolares, do programa de almorzos desde as 07.30 horas, das actividades extraescolares para que as familias poidan conciliar -ese termo tan manido entre as clases dirixentes nas súas campañas- . Quen concilia somos os membros das ANPA e de maneira gratuita e voluntaria.

Agradecemos a solidariedade dos libreiros que non aplicarán a suba do IVE ata outubro. O pequeño comercio comprométese, non así as grandes superficies. Voltemos a mercar na tenda de toda a vida, na tenda de barrio onde nos chaman polo noso nome, onde comentamos que tal vai o día e como lle vai á familia. E sigamos a facer da escola pública un lugar de encontro onde todos somos iguais.