Os grandes clásicos do cómic resístenselle ao galego

Mortadelo non fala galego

A escasez de traducións de cómics ao galego fai que só existan catro series de historietas nese idioma - Libreiros e debuxantes atribúen esta realidade ao prezo dos dereitos e ao feito de non ter beneficios inmediatos

01.11.2015 | 11:41

Astérix, Tintín, Mafalda e Superlópez. Só estas catro series de historietas contan con tradución ao galego, e cómics como os de Mortadelo e Filemón -que si que contan con edicións en catalán e en euskera-, Zipi Zape ou calquera da Factoría Marvel, aínda non se poden ler neste idioma. A librería coruñesa Arenas foi a primeira que se interesou en traducir un tebeo ao galego e comprou os dereitos de oito volumes do histórico líder galo. Profesionais do sector coinciden en sinalar a falta de interese das editoriais por tratarse dun nicho de mercado pequeno e específico no que non se poden ver os beneficios de forma inmediata. O debuxante Miguelanxo Prado cre que a solución pasa por "introducir o cómic nas aulas e a vontade dos pais de mercar en galego"

Xa llo dicía Mafalda ao seu amigo Felipe: "As túas ideas son algo inxenuas", cando este soñaba co día no que se lle dera "máis valor á cultura que ao diñeiro". Parece que a lei dos cartos segue sendo o principal problema para que apenas haxa clásicos do cómic traducidos ao galego. Só hai catro series de historietas que conten con versión neste idioma: as protagonizadas polo líder galo Astérix, as do aventureiro Tintín, as da famosa nena creada por Quino e a parodia do Superman españal, Superlópez.

A librería Arenas da Coruña foi a responsable de facer o primeiro cómic traducido en Galicia. O seu fundador, Fernando Arenas, decidiu comprar os dereitos de oito títulos protagonizados polo afamado personaxe creado polos franceses René Goscinny e Albert Uderzo e encargoulle a traducción a Eduardo Blanco Amor. "A única iniciativa foi a do meu pai, que os sacou durante os últimos coletazos do réxime franquista, e colleu moita fama polo tema da tradución de Blanco Amor. Lembro que xa presentara algún libro aquí na tenda e, naquela época, era moi polémico. Facía unha tradución por ano, aínda que creo recordar que as catro ou cinco últimas as fixo de golpe, porque se quería quitar o tema de enriba", comenta o fillo de Fernando Arenas e actual propietario da librería coruñesa, Manuel Arenas.

No ano 1961 vía a luz o primeiro exemplar da colección, Astérix o galo, dous anos despois da publicación do orixinal, e logo seguíronlle A fouce de ouro (1962) Astérix e os Godos (1963) Astérix e Cleopatra (1965) Astérix e Os normandos (1967) Astérix lexionario (1967) Astérix na Helvecia (1970) e A loita dos xefes (1976).

Manuel Arenas comenta, a modo de anécdota, que Astérix e Cleopatra saiu cunha errata na portada tapada logo cunha etiqueta verde, polo que agora non se pode ver cal foi, e que Astérix e O Galo, "saiu mal impreso co plastificado rugoso". "E dos dous que aínda conservo algúns exemplares na tenda á venta, son os únicos, de feito, porque están súper agotados, e lembro como o meu pai se queixaba", sinala o libreiro.

Outras editorias como Galaxia, Salvat e Xerais, responsable de sacar o último libro da saga o pasado 22 de outubro, Astérix e o papiro do César, continuaron traducindo ao galego as aventuras do famoso galo aínda que todavía quedan outras moitas por publicar. "Recordo que o meu pai intentou mercar outros oito máis, pero xa era unha barbaridade o que pedían economicamente. Tratouse de chegar a un acordo con Xerais para que puidesen facer edicións facsímiles, pero non houbo entendemento", apunta Manuel Arenas, e asegura que quen "valoraba moito" este tipo de iniciativas era a emigración. "Tanto algunhas librerías, como os centros galegos de Arxentina, Venezuela, Uruguay e mesmo Brasil, encargaban paquetes de entre 50 e 100 exemplares, e aínda hai cinco ou seis anos había xente que mos pedía. Agora xa non existe esa demanda, e son máis ben xoias literarias", subliña.

Outra das obras que se traduciron ao galego neses anos foi a serie de aventuras protagonizadas por Tintín e feitas por Hergé no 1930. Publicáronse 23 libros, dende o ano 1983 ata o 1991, editados por Juventud e traducidos polo profesor lucense Valentín Arias López.

En 1984, catorce anos despois de que chegase a España -aínda que catalogada como "para adultos" debido á censura do réxime franquista-, comezaba a falar galego Mafalda, a nena irreverente creada por Joaquín Salvador Lavado, Quino, no 1964. Esta fan absoluta dos Beatles, enemiga empedernida da sopa e, sobre todo, buscadora incansable da paz mundial, empregou este idioma en só catro libros, grazas a Distribuciones Souto e aos traductores Xoán Ramon Díaz e Ramón Reimunde, representantes de distintas tendencias lingüísticas, que aseguraban que a linguaxe de Mafalda nas traducións era "totalmente coloquial, igual que a que emprega na versión orixinal arxentina".

Díaz e Reimunde explicaban, nunha entrevista ao diario El País daquela época, que o personaxe creado por Quino era "tan encantador que "merecía falar galego", e lamentaban que un dos amigos inseparables de Mafalda, Manolito -xunto con Felipe, Susanita, Libertad, Miguelito e o seu irmán Guille-, fillo de emigrantes galegos e que existiu en realidade, "sexa o máis maltratado da historia e o máis bruto". "Aínda que tamén se respectou isto que quedou igual que no orixinal, temos que dicir que, ademais de ser o que mellor nos cae, está salvado pola simpatía e tenrura que o inspira", sinalaban os tradutores nesa entrevista. Nunha das viñetas traducidas, pódese ler como Manolito, sempre pendente das contas e os beneficios do ultramarinos do seu pai, sóltalle a Mafalda unha frase típica do galego: "Podes estar tranquila que entre bois non hai cornadas".

Hoxe pódese atopar por internet algún exemplar perdido destas obras e o seu prezo varía dende un euro ata máis de 100 euros, unha cantidade que pode parecer excesiva, pero que non o é tanto tendo en conta que a tirada inicial foi de 3.500 exemplares por volume, unha cifra elixida polos responsables da publicación en vista da escasa aceptación da que gozaban, naqueles tempos, outros cómics traducidos ao galego.

Superlópez foi a última historieta clásica que se traduciu. Foi no ano 2010, cando a editorial de Oleiros Cerditos de Guinea Cómics decidiu sacar o libro Superlópez. A caixa de Pandora en galego, un dos últimos exemplares das aventuras que naceron do lápis de Juan López, Jan, alá polo ano 1973.

Por que non se seguiron traducindo máis obras de series como Mortadelo e Filemón ou da gran factoría Marvel? "Polo tema dos dereitos. Lembro que ao meu pai os dereitos das primeras oito obras non lle saíran moi caros, todo o contrario, e por iso se animou a editalos en galego, porque as edicións en castelán arrasaban, pero a dos cómics en galego foi unha venta moi lenta", explica Manuel Arenas. O libreiro coruñés confesa que aínda garda o contrato de exclusividade, as planchas de cor coas que se imprimiron as vinetas, "que daquela eran moi malas", e as da tradución, por se algún día volve a intentalo, aínda que polo de agora, recoñece, "está moi difícil".

O tema dos cartos tamén é fundamental para que hoxe non se siga traducindo ao galego. "En Galicia, o tema do cómic non se subvencionou moito. Ademais, non hai un grupo forte editorial que publique en galego, como en Cataluña, onde por exemplo Planeta edita tanto en castelán como en catalán, pero aquí non o sacan en galego porque ven que non é rentable", afirma o libreiro coruñés..

"Se tivese o diñeiro, eu mesmo o tería feito, pero precísase unha inversión espectacular. Gustaríame crear un grupo editorial galego potente, e incluilo no mercado nacional e internacional", sinala Manuel Arenas, quen insiste en que, desa maneira, "podería ter comprado os dereitos dos cómics de Marvel e doutros grupos importantes".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Lotería del Niño 2017

Comprobar Lotería del Niño

Toda la información de la Lotería del Niño. Comprueba los números premiados con nuestro widget de la Lotería del Niño.

 
Widget Lotería del Niño

Llévate a tu web, a tu escritorio o a tu iGoogle los resultados de lotería de Navidad y de la lotería del niño. Descárgatelo

 
Enlaces recomendados: Premios Cine