O galego, como lingua, namora. E, para demostralo, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, entre outros organismos, convoca Lingua de namorar, un concurso en liña que premia aquelas mensaxes de amor que se escriban en galego e que sexan asinadas por xente nova. A presentación do certame tivo lugar onte en Santiago. Alí, falaron das bases deste concurso que busca, ante todo, animar a empregar o galego entre a mocidade.

"Dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación, nomeadamente, na internet e na mensaxería instantánea. Incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer e de diversión", son os obxectivos, segundo se recolle na propia convocatoria.

Aquelas persoas entre 14 e 35 anos de idade, que o desexen, poden participar e levar algún dos premios. Na categoría A (reservada ós que teñen entre 14 e 19 anos), poden conseguir un smartphone ZTE de 16 xigas se quedan primeiros. Quen recolla a segunda clasificación terá un drone Airis con cámara de vídeo; mentras que o terceiro levará unha torre de son bluetoot de 60 watios para escoitar os seus mp3.

Na categoría B, a dos maiores, o primeiro premio será unha cámara réflex Canon EOS 1200D. O segundo clasificado quedaría cun smartwatch SPC Gold e a terceira persoa do podio conseguirá un disco duro externo Toshiba.

Quen queira participar, terá que rexistrarse na páxina do concurso. A dirección é: http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.html. Alí, aparecerá un formulario de inscrición que deberá rechear. Ademais, terá que escribir a mensaxe que ben se pode presentar en prosa ou en poema. A lonxitude máxima é de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. Cada persoa que participe ten a posibilidade de presentarse con dous textos diferentes.

Desde a Consellería de Cultura, aclaran que o xurado, como criterios de avaliación, terá en conta "o grao de elaboración da mensaxe, a orixinalidade e a calidade da lingua".