A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez asinou o mes pasado un convenio de cooperación educativa coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) para mellorar a atención do alumnado xordo, xordocego e/ou con discapacidade auditiva. Deste xeito afóndase no compromiso da Xunta coa atención á diversidade das nenas e nenos escolarizados no sistema educativo galego, dando resposta ás súas necesidades específicas de atención educativa. Ao abeiro desta cooperación, a Consellería comprométese a afondar na formación do profesorado que atenda a alumnado que presente estas características. Igualmente, sempre que o soliciten, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria facilitará a colaboración do persoal profesional da Faxpg nos centros docentes que conten con alumnado xordo, xordocego e/ou con discapacidade auditiva, tanto para asesorar a profesorado e familias sobre a atención educativa destes estudantes como para orientar sobre as metodoloxías axeitadas para a intervención educativa.

Por outra parte, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Faxpg colaborarán na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado xordo, xordocego e/ou con discapacidade auditiva no eido educativo. Co mesmo obxectivo, e a solicitude dos centros educativos que así o requiran, a Faxpg poderá poñer á súa disposición os diferentes recursos e axudas técnicas dos que dispoña para a atención a este alumnado.