Facer un relato histórico da comunidade e explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galega e os seus cambios no tempo a través de cen obxectos seleccionados que abarcan desde o periodo do Paleolítico Inferior ata os anos 90 do século pasado. Este é o obxectivo da exposición Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración con Abanca e que se inaugura o vindeiro martes en Santiago.

Unha mostra, comisariada por Manuel Gago, coa que se tenta facer unha radiografía da evolución histórica da sociedade galega. Por iso, a exposición inclúe obxectos de gran valor artístico e histórico -como pode ser a coñecida como Biblia Kennicott, un códice hebreo do século XV que proba a presenza xudía na cidade da Coruña, ou o Mapamundi do Beato de Osma, elaborado en 1086 e no que Galicia e a Torre de Hércules teñen un gran protagonismo- e outros de uso cotián, pero con gran importancia polo que supuxeron nalgún momento da historia: é o caso dunha bata de Goa coa que Galicia 100 lembra os inicios no téxtil do fundador de Inditex, Amancio Ortega, ou un tirador-esfinxe de Estrella Galicia que serve para explicar a historia da cervexería coruñesa e da fábrica Sargadelos.

A exposición, na que as pezas proceden de institucións, empresas e coleccionistas tanto de Galicia coma doutras comunidades, non ten un relato "cronolóxico tradicional", explican desde o Consello Galego da Cultura, onde indican que se procurará "que as pezas dialoguen entre si e co visitante a través de épocas e grandes conceptos".

Os asistentes atoparán obxectos de todo tipo. Unha antiga botella de auga do balneario de Mondariz permite observar como xa desde o século XIX Galicia exportaba parte das súas augas mediciñais e como todos os detalles estaban pensados. Así a cor da botella non era ó azar senón que se optaba por cristal verde escuro que protexía a augua da luz. O cartel do referendo do estatuto de autonomía de 1980 amosa como foi a campaña de animación á participación cidadá nesta votación. A mostra permite ver o cartel da votación que se celebrou o 21 de decembro de 1980. Unha parte da historia galega que comparte exposición, entre outras cousas, cos fotogramas do documental Autopista, unha navallada a nosa terra no que Llorenç Soler narrou en 1977 como se xestionou a autoestrada A9, poñendo especial atención nos debates e asambleas vinculados á resistencia que existiu contra esta infraestrutura.

Trátase de facer un repaso á historia e costumes galegos a través de obxectos ou pezas máis ou menos cotiáns. Unha idea que, como recoñecen desde o Consello da Cultura Galega, non é nova. "Construír exposicións de carácter histórico a través de obxectos é unha fórmula xa explorada", sinalan, e engaden: "En 2010, o Museo Británico iniciou coa BBC Radio 4 un proxecto coñecido como A history of the world in 100 objects que foi adaptado e seguido noutras zonas coma Irlanda". Agora aplícase un modelo similar, pero en Galicia.