A casa na que Manuel María naceu en 1929 en Outeiro de Rei, en Lugo, acolleu este martes un acto de homenaxe organizado pola Real Academia Galega (RAG) con motivo do Día das Letras Galegas, co que o autor chairego converteu esta pequena localidade na "capital literaria do mundo".

Así o expresou o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que foi o encargado de abrir e de pechar o acto no que participaron numerosos académicos, personalidades do mundo da cultura e da política, así como un extenso público para dar fe de que Manuel María está "no corazón e na memoria" dos galegos.

Unha interpretación musical de O Carro, un dos poemas do seu libro Terra Chá, marcou o inicio do acto de homenaxe un dos poetas galegos recentes "que ten máis relevancia" tanto dende o ámbito escolar, a onde se orientou parte importante da súa produción, coma entre os adultos.

Durante a súa intervención, o presidente da RAG erixiu o Día das Letras Galegas no "verdadeiro Día de Galicia", superando en importancia o 25 de xullo. "O noso día grande é o da palabra", resumiu Xesús Alonso Montero, que puxo en valor a defensa do idioma do autor homenaxeado e o "compromiso" que obriga a ter co galego a través dos seus poemas.

Os membros numerarios da Real Academia Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana foron os encargados, en distintas intervencións ao longo do acto institucional, de analizar diferentes perfís do autor. A celebración contou coa presenza da viúva do poeta, Saleta Goy.

Do ambito político, o protagonista convidado foi o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que lembrou que a lingua galega é "un códice vivo escrito por todos" e destacou a importancia de erixilo en "punto de encontro" entre os cidadáns, ao tempo que recordou o traballo do poeta Manuel María en relación á "cultura oral" e o definiu como un "tertuliano" co "don da palabra".

O presidente galego centrou o seu discurso no idioma galego como ferramenta para "superar fronteiras xeracionais e ideolóxicas" e destacou a súa capacidade para cohesionar ao territorio. "A lingua sempre une, porque é o resultado do uso continuado que fai dela un pobo", dixo Feijóo, para quen constitúe algo "escrito por todos e que ninguén pode roubar".

Nesta liña, Núñez Feijóo recordou a figura de Manuel María como poeta, dramaturgo, escritor, guionista e "militante de moitas causas", pero, "sobre todo, tertuliano". "Tiña o don da palabra e cultivaba esa cultura oral na que sempre se distinguiron os nosos creadores", apuntou.

Fronte aos autores clásicos "solitarios", Feijóo destacou na biografía de Manuel María os "fitos marcados polos faladoiros máis singulares da época" na que viviu. "Atrévome a suxerir que, se a Galicia de hoxe é un fogar de todos e para todos, se debe á semente que se plantou neses faladoiros", apuntou, tras definir o autor homenaxeado este ano polo 17 de maio como un "home de amigos".

O acto tivo lugar no CEIP Laverde Ruiz, ao que acudiron, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, así como figuras do xornalismo e a xudicatura.

Diversidade ideolóxica

Entre outras cuestións, o presidente galego fixo mención á "diversidade ideolóxica" que reinaba en aqueles faladoiros e á "capacidade comunicativa" dos seus integrantes. De feito, puntualizou que a lingua "servía entón como punto de encontro" e segue constituíndo a día de hoxe o "fío" que fai de Galicia "unha comunidade".

Como exemplo, recordou a "convicción nacionalista" de Manuel María, quen nunca ocultou a súa simpatía cara unha aproximación ao portugués, e a "tendencia conservadora" de Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado nas Letras de 2015. "Os dous son afluentes do grande río que é a cultura galega. Ambos os dous contribuíron a que o noso idioma estea presente no mundo, facendo patente nosa xeito de ser", resumiu Núñez Feijóo, para quen, sen algún dos dous, "Galicia sería máis pequena".